Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Natureza, lendas e tradicións

Índice de Contidos

Arzúa conserva importantes masas de bosque autóctono e moitas carballeiras milenarias son escenario de sonadas romarías campestres.

Ao redor dos santuarios Da Mota (na parroquia de Santo Estevo do Campo), da Fonte Santa (na de Lema) e de San Xoán de Navas (en Pantiñobre), atopamos aínda carballos milenarios que, coas súas acolledoras sombras e a solemnidade das súas rexas figuras, abeiran ledas celebracións populares, lendas e tradicións.

A Mota, as antigas proteccións

lendas A Mota -Arzúa
A un quilómetro escaso da igrexa de Santo Estevo do Campo, rodeada dunha pequena carballeira está a Capela da Mota. Pequena, de pedra do país e cun abrigo lateral cuberto soportado por columnas redondas, tamén de pedra miúda.  

É humilde, con sabor a pobreza labradora. Semella coma se, de propósito, fose ese o seu meirande valor, fundirse co monte nunha sinxeleza que transmite harmonía.

Tres santos habitan este templo: San Bartolomé, San Mateo e San Simón.

A San Bartolomé celébranlle romería o vinte e catro de agosto. Moreas de xente acoden a el para que co coitelo-espada de madeira que ten na man lle corten os “lobiños”, tamén chamado bocio, moi abundante nestas terras do interior, escasas en iodo. A operación consiste en pasar un funcionista da romería o coitelo pola gorxa do ofrecido e este deixa unha esmola en cartos ou en especie.

Tamén é avogoso para as mulleres de parto, para as treboadas, e protector dos rebaños de animais.

Hai un dito que case semella unha oración que resume estes poderes:

“Onde o teu nome sexa nomeado,
non morrerá muller de parto,
nin neno afogado,
nin entrará ningún bicho fero
no teu rebaño”.

Din os máis vellos que nunca un lóstrego nin un pedrazo maligno caeu nesta parroquia. Abonda con que en día de tronada, o sancristán repenique a campá para que todas as terras onde o seu son sexa oído queden protexidas coma se dun poderoso para lóstregos se tratase.

“Somos lenda viva”.

Xosé Luís Rivas Cruz e Baldomero Iglesias Dobarrio.

A Fonte Santa

a fonte santa - Arzúa

Muíño, capela, fonte e río conforman a paraxe da Fonte Santa, onde parece que o tempo se detivo para darnos a coñecer a antigüidade.

A capeliña confundida no medio da carballeira xunto coa fonte e o muíño conforman un contorno onde as prácticas pagás e cristiás de milagres e curacións están sempre presentes.

Segundo contan os ditos populares a fonte deixou de deitar a súa auga cando alguén quixo facer negocio cobrándolla a quen a precisaban para que lles dera a saúde e lles quitara a enfermidade.

Á fonte atribúenselle toda clase de milagres e virtudes curativas. As súas augas son sanadoras das queimaduras, dan ganas de comer e quitan as penas.

Tamén conta a tradición que os peregrinos que quedaban eivados, por causa das chagas que se formaban nos seus pés, acodían a lavalos á fonte e de contado acadaban a curación e podían seguir o camiño aos poucos días.

Lenda da Quenlla

lenda da Quenlla - Arzúa

Nunha casetiña non lonxe do castro Curbín vivía unha cativa con súa nai. Eran pobres de solemnidade pero tiñan unha vaca e algunas galiñas que lle permitían ter algo para comer.

A nena era a encargada de coidar a vaca que levaba a pacer cara o Castro Curbín e paraba a beber na fonte da Quenlla.

Un día aparecéuselle sentada onde a fonte unha dona vestida de branco. Díxolle á nena que lle permitira peiteala e fíxoo cun peite de ouro.

A rapaza convidouna a comer un pouco de pan, que era canto levaba para merendar. Entón a fada deulle unha moediña de ouro e advertiuna de que non dixera a ninguén de onde saíra a moeda.

A cativa deulla a súa nai, quen lle preguntou de onde procedía a moeda e quen a peiteara tan primorosamente.

Respondeulle qua a atopara no camiño e que se peiteara ela mesma. Pero o feito repetiuse varias veces e daquela a nai díxolle a filla que lle contara a verdade. Entón, a nena díxolle que cando ía coa vaca para o castro unha fada aparecíaselle na fonte da Quenlla, peiteábaa e dáballe a moeda de ouro.

“Ai! Galopina, -dixo súa nai. -Vaite todos os días para o castro coa vaca que boa falla nos fan os cartos.

Anda! colle a vaca e dous anacos de pan e vaite para traer outra moeda de ouro”.

A cativa obedeceu a súa nai e marchou cara o castro.

Á noitiña, a vaca voltou para casa soa.

A nena nunca máis por descubrir o segredo…

Lenda de San Xoán de Navas

Hai unha tradición moi viva na parroquia de Pantiñobre que pon a orixe deste santuario en 1804.

Foi construído por orde dunha pastora de Bustelo que perdera o seu rabaño de ovellas no medio dunha grande treboada de lóstregos e sarabia.

E fixo promesa que se atopaba o rabaño levantaría unha capela na honra de San Xoán Bautista.

Atopou o rabaño e alí onde o atopou mandou construír a capela.

Unha variante desta lenda di que a pastora foi sorprendida por unha fortísima tempestade e implorou a protección de San Xoán Bautista.

Ocorreu, entón, que as ovellas acubilláronse o seu redor e alí onde elas estaban non caía nin choiva nin sarabia nin lóstrego.

Cando a tempestade remitiu a pastora veu que todas as ovellas estaban con ela e, a pesar da moita choiva e sarabia que caera, estaban enxoitas de todo.

Foi, entón, cando mandou construír, naquel mesmo lugar, a capela.

Lenda do peregrino

leda do peregrino - Arzúa

Ao redor do ano 1.000, florecían as peregrinacións a Compostela por causa da aparición do sartego do apóstolo Santiago o Maior. Por aquelas datas, Arzúa era una vila cercada por onde pasaban gran cantidade de peregrinos que aproveitaban as defensas da vila para facer noite protexidos de salteadores e maleantes.

Nunha ocasión pasaba pola vila un peregrino de aspecto miserento e achegouse pola mañá moi cediño a un forno onde acababan de enfornar. Petou á porta, saiu a ama da casa e díxolle:

  • Non haberá un anaco de pan para este pobre peregrino? Pedirei por vostedes diante do Señor Santiago.
  • Aquí non atendemos a maleantes. Se quere pan, ten que pagalo.

Marchou o pobre peregrino e uns pasos máis adiante había outro forno onde tamén cocían a primeira fornada do día. Chamou e saiu a ama. Mandouno pasar para quentarse pero el díxolle que non podía parar que só quería un anaquiño de pan para enganar a fame.

  • Mágoa que non poida agardar un anaco, daríalle o bolo fresco pero aínda non están cocidos. Así ten que levar este que é da fornada da semana pasada.
  • “Grande favor me fai” -dixo o peregrino-. “Pregarei por vostede diante do Señor Santago”.

A dona do forno entrou dentro para acompañarlle algo ao pan pero o peregrino xa desaparecera misteriosamente malia que se podía divisar dende alí un bo anaco de camiño.

Cando chegou a hora de quitar o pan do forno á primeira panadeira os bolos volvéranselle de pedra mentres que os pans da panadeira caritativa convertéranse en ouro.

Moitos din que era o propio Santiago Apóstolo quen pasaba por Arzúa aquel día…

Lenda da pita de ouro

lenda da pita de ouro - Arzúa

Contan que na fonte do Casalete había una pita e uns pitiños de ouro que saían todos os días á hora do descanso polo ollo da fonte.

Un día, unha nena de sete anos que vivía alí cerca, foi beber á fonte e viu á Pita de Ouro e os pitiños peteirando arredor dela. O abraio da nena aumentou cando a pita lle falou:

“A xente vella é moi usureira e, por iso, só saio da fonte cando están durmindo. Non lle digas a ninguén que me viches. Se o soubesen atraparíanme para tentar enriquecerse. Se gardas ben o segredo, has ter boa recompensa”.

Dende aquela, a nena ía todos os días onde a pita e os pitiños e leváballes unhas faragulliñas de pan.

Pasou así moito tempo ata que, un día, a pita de ouro arrincou unha das súas plumas máis fermosas que tiña e deulla á nena dicindo:

-Toma esta pluma de ouro por ter gardado o segredo e tamén en pago polo pan que nos traes a min e aos meus pitiños. Que ninguén cha vexa porque, daquela, quererían saber da súa procedencia e acabarían con nós.

A nena colleu a pluma de ouro e gardou o segredo ata que, un día, súa nai lle atopou na alcoba a pluma de ouro e entón interrougou a nena para saber de onde lle viñera. A nena calou pero a nai insistiu tanto que a rapaza se viu na obriga de contarllo.

A nai prometeulle á nena gardar o segredo pero, xa se sabe… Un día que a rapaza estaba ausente, a nai achegouse á fonte por ver se era certo o que lle contara a filla. Asexou trala silveira e non tardou en ver sair polo picho á pita e aos pitiños. A muller, ao ver tal riqueza, intentou pillar a galiña pero esta entrou, de novo, polo ollo da fonte. A vella foi para a casa matinando de volver o outro día e daquela a pita non había de fuxir.

Cando chegou á casa a nena estaba chorando no zaguán. A pluma de ouro convertérase nunha pluma calquera. Dende aquela a pita non volveu ser vista e din que a noite de San Xoán, antes de raiar o sol, bota polo ollo da fonte una pebida de ouro para dar mostra da súa existencia.