Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

A arquitectura do tempo

Índice de Contidos

Arzúa ofrécelle ao visitante a posibilidade de coñecer a pegada que a cultura romana e, en especial, a cultura xacobea deixaron no seu territorio.

Polo terreo arzuán repártense multitude de capelas e igrexas nas que aínda se conserva parte da súa antiga fábrica románica e os retablos que ornan os seus altares proceden, cando menos, do século XVIII.

Canto á arquitectura civil, Arzúa é tamén unha paisaxe rica en construcións típicas da zona, pazos, casas señoriais e, como non, edificios destinados a pousada de peregrinos.

Moitas das aldeas e lugares manteñen a súa fasquía tradicional e son abondosas as casas de labranza, hórreos e muíños que preservan as características da arquitectura popular galega. O rico patrimonio etnográfico tamén conta Reloxos de sol, Fontes, Fornos, Lagares e adegas, Lavadoiros, Pombais e Cemiterios.

Patrimonio relixioso en Arzúa

patrimonio relixioso en Arzúa

Sen dúbida, que a Ruta Xacobea cruce de nacente a poñente o territorio arzuán é a principal causa da cantidade de patrimonio relixioso do concello. Á beira do Camiño de Santiago levantouse no século XIV un convento de monxes agostiños do que hoxe só se conserva a súa capela, a capela da Madanela, que, aínda que na maior parte é de mampostería popular, mantén elementos de canteiría que revelan a súa orixe románica.

Outras das capelas que cómpre salientar son a da Mota (situada na carballeira que acolle a festa homónima), a da Fontesanta (que ten como principal trazo singularizador a carencia de campanario e que tamén acolle unha romaría durante o mes de agosto) e a de San Paio de Burres. Esta mandouna levantar no século XVII don Domingo de Cea á súa volta de Cuba; é de planta rectangular e ten un soportal pequeno de mestura entre pedra e madeira e un retablo maior de estilo rococó.

Canto ás igrexas, as de maior interese arquitectónico e artístico son as parroquiais de Dombodán, Lema, Burres, Branzá, Castañeda e Boente. As cinco primeiras foron levantadas durante o século XVIII.

San Cristovo de Dombodán aínda conserva a súa portada en canteiría, igual que San Pedro de Lema, pero realizada a primeira en estilo barroco compostelán. De estilo barroco é tamén o retablo maior de Santa María de Castañeda e o neoclásico caracteriza a feitura artística de San Vicenzo de Burres e de Santa Locaia de Branzá.

As máis antigas son as igrexas de San Pedro de Mella, levantada no século XIII e pertencente ao románico rural, e a de Boente. Santiago de Boente refíxose no século pasado sobre a edificación levantada no XII e da que se conservan aínda dous capiteis incrustados no exterior do muro da cabeceira. No exterior ten tres reloxos, dous deles mecánicos realizados en cerámica e un terceiro de sol.

Patrimonio civil en Arzúa

patrimonio civil en Arzúa

A pegada xacobea apréciase de xeito claro en Ribadiso. O que fora un hospital de peregrinos restaurouse para habilitalo agora coma albergue e na mesma aldea segue en pé unha ponte románica, construída no século XII, composta por un único arco de medio punto e realizada en cantería de granito.

No territorio arzuán abondan tamén as casas grandes, como a casa forte de Orxal (século XVII) en Calvos de Socamiño, e os pazos. Un dos mellor conservados é o de Brandeso (1554), onde Ramón María del Valle Inclán situou o seu romance entre Concha e Brandomín, na novela Sonata de otoño.

O visitante pode coñecer tamén os pazos de Outeiro (en Boente), de Santo Estevo do Campo (en Campo), de Sedor (en Castañeda) hoxe habilitado como hostal de turismo rural, o pazo de Castañeda, o de Magulán (en Lema), o de Ardáns (en Pantiñobre) ou o pazo de Rosende (en Calvos de Socamiño).

Canto ás casas grandes, as máis importantes que se conservan, algunhas delas como casas de turismo rural, son as da Rectoral (en Branzá), Remesil (en Dombodán), a casa grande de Figueiroa, a de Maroxo (no lugar homónimo), a do Solar de Riba e a de Fondevila (en Pantiñobre), a de Bascuas (en Rendal) ou a de Cabana (en Viladavil).

Patrimonio histórico en Arzúa

ponte de Ribadiso en Arzúa

Ponte de Ribadiso

O Camiño Francés a Compostela pasa pola ponte de estilo gótico tardío, a máis antiga do concello de Arzúa, datada, aproximadamente, no século XII.

Consiste nunha base de cachotaría, cun arco de medio punto de cantaría; a calzada é de granito, froito dunha reforma actual, pois perdeu as lousas de pedra orixinarias; o peitoril é de bastante altura, para as dimensións da ponte, realizado tamén con granito.

Castro Curbín

castro Curbín de Arzúa

O castro está ubicado no monte de A Roda, conserva a súa fisonomía castrexa, coa forma circular da muralla e o espazo do foxo. O castro data do século VI a.c., finais da Idade de Bronce.

A forma do castro está remarcada cun valado de madeira. Actualmente é utilizado como lugar de esparcimento cunha carballeira e un merendeiro.

Este ben está xunto coa Fonte da Quenlla, que se atopa no entorno do castro.