A maxia da auga
A paisaxe de Arzúa está tracexada polo curso dos seus ríos e regatos.
O río Iso, o Mera e o Ulla, e os seus numerosos afluentes, acobillan nas rúas ribeiras acougantes recunchos e conservan unha vizosa fauna e flora.
A auga é protagonista na fervenza das Hortas e nas numerosas fontes do concello, pero tamén na praia fluvial de Ribadiso ou no encoro de Portodemouros, espazos recuperados para o lecer e a práctica de deportes ao ar libre.
Encoro de Portodemouros
O encoro data do ano 1968, momento no que se constrúe tamén a central hidroeléctrica, ambos propiedade de Unión Fenosa. Ubícase no río Ulla, entre os concello de Arzúa (A Couña) e de Vila de Cruces (Pontevedra). A zona de turbinas e a subestación son subterráneas. O máis destacado desta edificación é o uso de escollos, en vez de formigón, no muro da presa, cunha altura de 91 metros. O encoro ten capacidade para 297 hectómetros cúbicos, cunha cota máxima de 252 e unha mínima de 220.
Unha das consecuencias negativas do encoro, a nivel histórico-artístico, foi a desaparición de varias aldeas e, xunto a estas, a perda de numerosos bens do patrimonio cultural. Este feito provocou grandes cambios na vida cotiá da veciñanza.
Na actualidade atopamos no contorno do encoro unha área recreativa e unha praia fluvial. Dispón ademais dun Réxime especial de pesca. O encoro e a súa contorna ofrece un espazo ideal para os deportes náuticos (vela, piragüismo…), o senderimos e rutas en bicicleta.
Pode visitarse o Enredo de Abelleiro, un orixinal museo temático sobre o mel e a apicultura.
Fervenza das Hortas
A fervenza das Hortas é un dos límites naturais entre os concellos de Arzúa e de Touro. Consta de dúas caídas de auga, en gneis mesturados con cuarcita, duns 30 metros de altura, do Regato de Saímes (segundo o libro Augas caídas. Fervenzas de Galiza).
Na súa parte alta atópase o muíño dos Agra, sito no lado de Touro.
Tamén é coñecida polo nome de Fervenza de Santa Marta , debido a unha lenda que ten asociada:
A veciñanza ía moer ao muíño, e conta a historia que unha rapaza quedou embarazada do seu mozo, e este dixo que non a quería. Unha noite de muiñada, o mozo empuxouna pola fervenza, e mentres caía, ela dixo “Santa Marta me vaia!”, e parou a caída un carballo que na fervenza estaba, salvándoa milagrosamente.
Praia fluvial de Ribadiso
A praia fluvial ubícase na área recreativa de Ribadiso, que conta con diversas zonas de esparcimento: un merendeiro e barbacoas, as pistas polideportivas, o bar ou o parque infantil. Un gran número de pontellas por encima do río crean unha fermosa paisaxe.
Hai dous accesos para o río, un consiste nunhas escaleiras e outro nun semicírculo de terra e herba en pendente, pechado por un pequeno muro de cachotaría.
A praia fluvial é un dos puntos de referencia incluídos dentro da Ruta “Val do Iso” promovida polo Concello de Arzúa.