Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programación «Arzúa Viva» 2023

Programación "Arzúa Viva" 2023

Chega unha nova edición de Arzúa Viva con actividades para o público mozo.

O domingo 30 de xullo realizaranse xogos, actividades de lecer e actuacións dirixidas a público infantil e mozo.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa dá a coñecer o programa de actividades para unha nova edición de Arzúa Viva, incluída na programación cultural de verán. A Praza de Galiza acollerá o domingo 30 de xullo a 16ª edición con actividades de lecer e actuacións durante toda o día para público infantil e para a mocidade.

Durante toda a xornada contarase cunha sala de fuxida ou scape room en sesións sucesivas de 30 minutos nunha pequena carpa circense instalada para a ocasión na Praza de Galiza en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00h. Esta actividade denominada O circo do silencio está pensada para catro xogadores en quendas de trinta minutos, que terán que resolver en equipo unha serie de enigmas para completaren a misión final. Esta iniciativa chega ao noso concello no marco do programa de dinamización da lingua galega FalaRedes 2023 da Secretaría Xeral de Política Lingüística para a Rede de Dinamización Lingüística.

Ademais, a partir das catro da tarde darán comezo máis propostas lúdicas na praza da vila con inchables de salto adaptados a diferentes idades, unha atracción inchable chamada Tragabolas, un posto de lambetadas de balde e unha pista acuática deslizante de 10 metros de longo para a cal será preciso participar con roupa de baño.

A xornada rematará ás oito do serán cun espectáculo de circo a cargo da compañía Muu baixo o título Crunch!. Un espectáculo de novo circo, de clown, de malabares, de saltos mortais, de golpes e caídas coas que aprendemos e saímos adiante, e sobre todo de risas.
A participación en todas as actividades é totalmente de balde e o acceso libre.
En caso de mal tempo, todas as actividades pasarán a celebrarse no Multiusos Terra do Queixo.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email