Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

BASES DA CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A CELEBRACIÓN DE FESTAS PARROQUIAIS NO CONCELLO DE ARZÚA DURANTE O ANO 2023

Dende o Concello de Arzúa preténdese apoiar e incentivar a realización de actividades culturais e artísticas vinculadas á cultura popular e tradicional , sendo as festas parroquiais organizadas por diferentes asociacións sen ánimo de lucro, de veciños e veciñas , clave. Procede polo tanto fomentar e incentivar a celebración das mesmas, e para isto o Concello de Arzúa pretende colaborar economicamente coas diferentes entidades organizadoras.

1. OBXECTO DA CONVOCATORIA

As presentes bases teñen por obxecto regular as normas polas que se rexerá a convocatoria pública de axudas a conceder polo Concello de Arzúa en réxime de concurrencia competitiva, para colaborar economicamente coas entidades organizadoras de festas populares nas parroquias do concello de Arzúa.

2. BENEFICIARIOS.

Poderán beneficiarse das subvencións reguladas na presente convocatoria todas as persoas xurídicas, entidades, organismos, ou asociacións, sen ánimo de lucro, que se encarguen da organización e celebración das festas populares parroquiais.
Os requisitos que deberán cumprir as entidades beneficiarias serán os seguintes;

1) Carecer de fins de lucro.
2) Estar debidamente inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións e Entidades do Concello nos termos previstos no artigo 236, parágrafos 2, 3 e 4 do vixente ROF; ou telo solicitado na data da petición.
3) Non ter débedas co Concello de Arzúa por calquera concepto.
4) As demais obrigas reguladas nos artigos 7 e 8 da Ordenanza Xeral de Subvencións do Concello de Arzúa, así como non estar en ningún dos supostos de prohibición para ser beneficiario de axudas das Administracións Públicas, que se establecen no artigo 13 da Lei 38/2003 de 17 de Novembro ( Lei Xeral de Subvencións), e artigo 10 da lei 9/2007 de 13 de Xuño ( Lei de Subvencións de Galicia).

3. CONTÍA DAS SUBVENCIÓNS.

O importe de cada subvención será 800,00 € por anualidade e parroquia. No suposto de que se presente máis dunha solicitude por parroquia, terase en conta a de máis representatividade e tradición histórica.

4. APLICACIÓN ORZAMENTARIA.

Para o financiamento destas subvencións destínarase un crédito máximo de 16.800,00 euros que se imputará á aplicación 338.480.00 do Orzamento municipal do ano 2023.

5. SOLICITUDE E DOCUMENTACIÓN A ACHEGAR.

Os interesados deberán presentar a seguinte documentación:
1) Modelo de solicitude (modelo normalizado nº 1)
2) Fotocopia compulsada do CIF.
3) Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.
4) Certificación de datos bancarios da entidade (modelo normalizado nº 2)
5) Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade (DNI) do/a representante legal.
6) Certificación acreditativa do acordo de solicitude, do nomeamento do representante para as relacións co Concello e declaración de non estar incursa a entidade nos supostos de prohibicións para percibir axudas públicas (modelo normalizado nº 3).
7) Declaración xurada ou certificación do/a representante legal ou representante para as relacións co Concello de Arzúa da entidade de aceptar as condicións da convocatoria (modelo normalizado nº 4).
8) Memoria explicativa da actividade que se vai a desenvolver, indicando en cada unha delas:
• Nome da festa.
• Data ou datas de realización.
• Lugar ou lugares onde se desenvolve.
• Orzamento de gastos e ingresos e forma de financiamento previsto (mediante fondos propios, doutros organismos públicos ou privados…).
• Obxectivos e fins que se pretenden coa realización da mesma.
(Modelo normalizado nº 5)

9) Autorización para recabar certificado de estar ao corrente no cumprimento das obrigas coa Axencia Tributaria, Seguridade Social, Facenda autonómica. (Modelo normalizado nº 6)
10) Declaración responsable de que a información inscrita no Rexistro Municipal de Asociacións está actualizada (modelo normalizado n.º 7). En caso contrario aportación da documentación xustificativa das variacións para a actualización da información.

Non será precisa a presentación dos documentos aos que fan referencia os puntos 2), 3), 4) e 5); sempre que obren en poder da Administración, nese suposto deberá presentarse declaración de que os datos que obran en poder da Administración como consecuencia da inscripción da Asociación/entidade no rexistro municipal de Asociacións , non teñen variado.

6. LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN.
O prazo para presentar as solicitudes será ata ás 23:59h do 31 de agosto de 2023, a través da sede electrónica do Concello (https://sede.concellodearzua.com/opencms/es/procedimientosytramites/tramites/Solicitudsubvenciones) a partir do día seguinte ao da publicación do estracto da convocatoria no BOP da Coruña.
Non se terán en conta as solicitudes presentadas fóra dos prazos fixados na convocatoria.

7. PROCEDEMENTO
a) Instrución e órgano instrutor
O órgano competente para a instrución do procedemento, así como para a realización de cantas actuacións estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que debe pronunciarse dita proposta de resolución, será o animador sociocultural municipal.
Aos efectos previstos no artigo 24 da Lei Xeral de Subvencións o órgano instructor emitirá un informe no que se faga constar que da información que obra no seu poder despréndese que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.
Se na instrución fosen tidos en conta outros feitos ou datos distintos dos achegados polos/ as interesados/as ou se non se achega toda a documentación requirida para solicitar estas axudas, notificaráselle a estes a proposta de resolución, concedéndoselle un prazo de 10 días hábiles para que presenten as alegacións que estimen pertinentes e/ou a documentación requirida. Á vista das alegacións e/ou documentación presentadas, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución definitiva.
De non presentarse alegacións, ou no caso de que este trámite non fose necesario con arranxo ao parágrafo anterior, a proposta de resolución provisional terá automaticamente o carácter de proposta de resolución definitiva.
b) Comisión técnica de valoración
A Comisión técnica de valoración estará constituída polo Alcalde, concelleiro/a representante do Concello nomeado polo Alcalde, e animador sociocultural do departamento de cultura. Dita comisión emitirá informe concretando o resultado da avaliación das solicitudes, motivando o resultado final da valoración en base á aplicación dos criterios establecidos nestas bases.
c) Resolución
O órgano competente para a concesión das axudas será a Xunta de Goberno Local, logo da proposta da Comisión técnica de valoración e previo informe da intervención municipal.
O acordo de concesión ou denegación será motivado, quedando constancia no expediente dos fundamentos da resolución que se adopte. As axudas concedidas publicaranse no Taboleiro de Anuncios do Concello e na web municipal facendo efecto de notificación colectiva a publicación en dito taboleiro da sede electrónica municipal, seguindo o artigo 45 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
A resolución ou acordo de concesión de subvencións deberá conter a relación de solicitantes que resulten beneficiarios e o importe concedido e a desestimación do resto de solicitudes indicando o motivo da mesma. Contra a desestimación expresa poderá formularse os recursos que procedan.
A modificación de calquera das circunstancias que se tiveran en conta para a concesión das mesmas, que deberá ser posta en coñecemento do Concello, poderá dar lugar á modificación da resolución.

8. GASTOS SUBVENCIONABLES

Serán subvencionables os seguintes gastos derivados da realización de actividades e programas das festas parroquiais (previamente indicados na memoria): actuacións musicais, publicidade, fogos de artificio, montaxes de carpa ou escenario e luz.
No caso de que o proxecto se adecúe á finalidade da subvención percibirase a cantidade de 800,00 €, sempre e cando se xustifique a realización de gasto subvencionable polo dito importe.

9. OBRIGAS DO BENEFICIARIO.

Constitúen obrigas do beneficiario:

1. Cumprir o obxectivo, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da axuda. A subvención deberá ser destinada exclusivamente ós fins para os que foi concedida, quedando expresamente prohibida calquera alteración de destino non autorizada polo Concello.

2. O beneficiario comprométese a dar a publicidade que sexa conveniente á colaboración económica do Concello de Arzúa.

3. O beneficiario está obrigado, cando así sexa requerido polo Concello, a xustificar o cumprimento do establecido nas bases desta convocatoria. Ademais, deberá someterse, cando así se lle requira, ás actuacións de comprobación e control financeiro que se efectúen.

4. Deberá comunicar ao Concello a obtención de calqueira outra subvención, axuda, ingreso ou recurso que financie a actividade que se subvenciona, sen que en ningún caso, o importe das subvencións poida ser de tal contía que, aislada ou en concurrencia con outras subvencións, axudas ou ingresos supere o coste da actividade subvencionada. Esta comunicación realizarase tan pronto como se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

5. O beneficiario deberá conservar os documentos xustificativos dos fondos percibidos, así como a documentación contable que lle sexa esixida na súa lexislación aplicable, có fin de facilitar as actuacións de comprobación e control.

10. PRAZO E FORMA DE XUSTIFICACION.

A xustificación baixo a responsabilidade do declarante, farase coa presentación a través da sede electrónica do Concello, antes do 30 de novembro do ano 2023. Deberá presentarse a documentación seguinte:

• Anexos 8 e 9 debidamente cumplimentados
• Facturas, nóminas ou outros documentos de valor probatorio equivalente e con validez no tráfico xurídico mercantil que acrediten os gastos realizados; e que deberán de importar, como mínimo, a contía da subvención concedida. Os conceptos das facturas deberán ser o suficientemente claros para identificar a súa relación coa actuación subvencionada. No caso de obterse axudas doutras administracións públicas deberá xustificarse gasto por unha contía igual á suma de todalas axudas, noutro caso reducirase proporcionalmente a axuda outorgada polo Concello.
• Xustificantes das transferencias bancarias dos pagamentos efectuados (non se admitirá a xustificación de pagamentos en metálico).
• Acreditación da publicidade da colaboración económica por parte do Concello de Arzúa

No caso de que non se presente a xustificación dentro do prazo, tramitarse o requerimento ao que fai referencia o artigo 70.3 do Regulamento da Lei Xeral de Subvencións.

11. PAGAMENTO.
O pagamento da subvención concedida farase efectivo da seguinte maneira:

• Un 80% da contía con carácter prepagable, unha vez presentada e aprobada a documentación achegada para a solicitude da subvención
• 20% restante, unha vez xustificados totalmente os gastos realizados.

12. REINTEGRO.
O incumprimento parcial ou total das condicións establecidas, a desviación da subvención para actividades ou conceptos non estimados no proceso de tramitación e resolución, o incumprimento da obriga de xustificación, a duplicidade de subvencións para un mesmo programa, sempre que non sexan complementarias, constituirán causa determinante para a revocación da subvención concedida, coa conseguinte devolución dos créditos obtidos.
Igualmente, o falseamento ou ocultación dos datos esixidos nas declaracións, dará lugar á cancelación da subvención e á obriga do reintegro das cantidades recibidas.
As cantidades a reintegrar terán a consideración de créditos de dereito público, resultando de aplicación para a súa cobranza o previsto no Regulamento Xeral de Recadación.

13. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto no Título IV da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.

14. INFORMACIÓN RELATIVA AO TRATAMENTO DE PROTECCIÓN DE DATOS DE CARÁCTER PERSOAL.
O presente artigo ten como obxectivo dar cumprimento ao establecido na normativa de protección de datos en canto á información que debe facilitarse ás persoas interesadas.
En virtude diso infórmase:
(a) Ten a condición de responsable do tratamento o Concello de Arzúa.
(b) A finalidade para o tratamento de datos persoais en relación co procedemento de convocatoria de subvencións municipais, de acordo cos principios de obxectividade, publicidade, libre concorrencia e igualdade, para a realización de actividades que suplan ás atribuídas á competencia municipal; ou que, en xeral, contribúan ao fomento dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños do municipio tendo como bases de lexitimación xeral as seguintes:
i. Estarán lexitimados polo interese público os tratamentos de datos realizados para a xestión do procedemento de selección como a xestión de solicitudes e os actos de instrución.
ii. Terán como base de lexitimación o cumprimento dunha obrigación legal os seguintes tratamentos en relación coas normas que se citan a continuación:
a) As publicacións realizadas con efectos de notificación de acordo coas normas do procedemento.
b) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
c) As publicacións realizadas en páxina web do Concello e o taboleiro de anuncios esixibles pola Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.
(c) Os datos poderán ser comunicados ao ministerio de facenda e da administracións públicas, intervención xeral da administración do estado, axencia estatal de administración tributaria, tesourería xeral da seguridade social, servizo público de emprego estatal, entidades bancarias, no caso de axudas familiares os datos cederanse aos centros escolares do municipio, base de datos nacional de subvencións.
Así mesmo, publicaranse a relación de persoas beneficiarias no portal de transparencia, taboleiro de anuncios da Casa do Concello e na páxina web nos termos que marca a disposición adicional sétima dá Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. Non se publicarán os datos dos aspirantes que se atopen nunha especial situación de vulnerabilidade, así como aquela información que puidese revelar categorías especiais de datos.
(d) O responsable do tratamento poderá obter aqueles documentos para achegar no procedemento que se achen en poder doutras administracións públicas, salvo que vostede opóñase no apartado “documentación a achegar”.
(e) Así mesmo, aquela información persoal declarada pola persoa interesada e que obre en poder das Administracións Públicas, o responsable poderá efectuar no exercicio das súas competencias as verificacións necesarias para comprobar a exactitude dos datos.
(f) Os datos conservaranse durante o tempo necesario para cumprir coa finalidade para a que se solicitaron e para determinar as posibles responsabilidades que se puidesen derivar da devandita finalidade e do tratamento dos datos e de conformidade con normativa de arquivos e documentación.
A persoa interesada pode exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, supresión, a limitación do seu tratamento, oposición, portabilidade e non ser sometido a unha decisión baseada exclusivamente no tratamento dos datos persoais a mediante escrito dirixido a Concello de Arzúa con sede na rúa de Santiago, 2, 15810 – Arzúa.
A persoa interesada ten dereito a contactar ou reclamar diante do Delegado de Protección de Datos cuxos datos de contacto son: Ramón Santos Pérez (ramon@nossolucions.es)
Así mesmo, no caso de que entenda vulnerado o seu dereito á protección de datos, a persoa interesada ten dereito a reclamar diante da Axencia Española de Protección de Datos a través dá sede electrónica accesible na páxina web https://www.aepd.es/

DESCARGAS ASOCIADAS:
BASES E FORMULARIOS

FORMULARIOS PARA A SOLICITUDE

FORMULARIOS PARA A XUSTIFICACIÓN

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email