Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa presenta a oferta das escolas deportivas e culturais para o novo curso

Patinaxe, bailes, ioga, tenis, pintura entre as actividades ofertadas polo Concello

Todas as actividades darán comezo no mes de outubro. O prazo de inscrición ábrese o vindeiro martes, 19 de setembro, de maneira presencial formalizaranse na oficina de Cultura e Deportes situada no Edificio Sociocultural María Mariño. 

Martes, 12 de setembro de 2023

O Concello de Arzúa presenta o programa de actividades das escolas municipais para o curso 2023-2024 cunha ampla oferta de actividades deportivas e culturais dirixidas a todos os públicos.

oferta das escolas deportivas e culturais

Por unha banda, o Departamento de Cultura continúa coa actividade de Danza Moderna dende os 5 anos nas tardes dos xoves. Tamén continúan un ano máis as clases de Pintura tanto para público infantil como adulto nas tardes dos mércores.

Ademais, debido á boa acollida da posta en marcha o ano pasado de dúas disciplinas novas, para este curso vólvense ofrecer clases de bailes afrolatinos (bachata, kizomba…) para persoas adultas os mércores a partir das 20:00 e a continuidade do Club de lectura que se desenvolverá os sábados pola mañá cada tres semanas na biblioteca municipal.

Dende o Departamento de Deportes cotinúan apostando polas diferentes modalidades deportivas que veñen alcanzando un alto éxito de participación e satisfacción nos últimos anos. Así, este departamento municipal ofertará de novo Ximnasia de mantemento para persoas a partir dos 60 anos, ioga e zumba para maiores de idade, e tenis e patinaxe a partir dos cinco anos.

O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, destacou “o importante esforzo que se fai desde o Concello por achegar actividades variadas ás veciñas e veciños, garantindo unha oferta ampla e que abrangue todos os grupos de idade, promovendo  un lecer saudábel para todas e todos. O goberno municipal que dirixo está comprometido con achegarlle máis e mellores servizos á veciñanza de Arzúa, e traballaremos para amplialos nos vindeiros meses” explicou.

Todas as actividades darán comezo no mes de outubro e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro martes, 19 de setembro. Os anotamentos formalizaranse presencialmente na oficina de Cultura e Deportes. Poden solicitar máis información no teléfono 981 500 222.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email