Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O alcalde de Arzúa solicita unha reunión co Xerente do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza

O rexedor demanda para Arzúa a construción dun Centro de Día público e melloras na Escola infantil Galiña Azul

Arzúa, 20 de setembro de 2023._ O alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, vén de solicitar unha reunión con Perfecto Rodríguez, Xerente do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, dependente da Consellería de Política Social. Nunha carta dirixida ao directivo desta entidade, Xoán Xesús Carril faino coñecedor da demanda existente en canto á necesidade dun Centro de Día público para o Concello de Arzúa.

O alcalde de Arzúa solicita unha reunión co Xerente do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza

«Como alcalde son consciente da necesidade deste servizo público no noso concello. Arzúa ten un 30% da poboación en idades de máis de 65 anos, temos a obriga de garantirlle as e aos nosos maiores un espazo onde poidan estar coidados e con benestar, e que as súas familias poidan estar tranquilas e conciliar a vida familiar e laboral» explicou o alcalde de Arzúa.

«Por iso queremos abordar nesta reunión esta necesidade, para que a Xunta de Galiza dispoña o orzamento necesario para dotar ao noso Concello dun Centro de Día público, dependente do Consorcio galego de servizos de Igualdade e Benestar, que se sume á rede de Centros de Día que este ente xestiona en moitos Concellos, e evitar, así, que as familias de Arzúa teñan que desprazarse a outros municipios para poder conciliar» sinalou Xoán Xesús Carril.

Así mesmo, o alcalde de Arzúa demanda tamén da Xunta de Galiza «que acometa algunhas melloras necesarias na Escola infantil Galiña Azul, de maneira que se resolvan os problemas de prazas que volvemos arrastrar nos últimos anos en Arzúa, xa que cada novo curso seguen quedando menores sen praza nesta Escola Infantil» explicou Carril.

O alcalde agarda poder manter esa reunión proximamente para trasladar de primeira man estas demandas ás persoas responsábeis deste ente e «acadar un entendemento mutuo para que se poñan en marcha estes proxectos e satisfacer, así, as necesidades de Arzúa» concluíu Xoán Xesús Carril.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email