Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa aproba unha nova convocatoria de axudas para a adquisición de material escolar

O prazo para a solicitude de axudas ábrese o vindeiro luns, 11 de setembro, até o venres, 22 de setembro, ambas datas incluídas. 

A contía das axudas concedidas será de 120€ por cada alumna ou alumno

Arzúa, 8 de setembro de 2023

Coincidindo co inicio de curso, o goberno municipal do Concello de Arzúa vén de aprobar unha nova convocatoria de axudas económicas para facer fronte aos gastos de material escolar. O prazo de solicitude das mesmas permanecerá aberto desde o vindeiro luns, 11 de setembro, até o o venres, 22 de setembro, ambas datas incluídas.

Trátase dunhas axudas cuxa contía ascenderá a 120€ por cada alumna ou alumno para a adquisición de todo tipo de material escolar (desde libros de lectura, até libretas, pasando por folios, mochilas, carpetas etc) e tamén material deportivo (chándal, tenis, calcetíns…), así como roupa de abrigo e calzado.

Tal e como explican desde o Servizos Sociais do Concello, “o obxecto destas axudas é facer efectivo o principio de igualdade no exercicio do dereito á educación e compensar a aquelas persoas que polas súas condicións económicas presenten maiores dificultades para afrontar os gastos derivados da escolarización das súas fillas e fillos”.

Para se beneficiaren destas axudas, as persoas interesadas deben cumprir varios requisitos: ter empadroamento no concello de Arzúa, ter crianzas escolarizadas nos niveis de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria nalgún dos centros educativos do municipio; estar ao día no pago das obrigas tributarias, da seguridade social, da administración autonómica e das do Concello de Arzúa e non superar os ingresos que establece o baremo económico do artigo 7 da convocatoria.

Desde os Servizos Sociais do Concello de Arzúa lembran que para poder formalizar o pagamento da axuda é necesaria que todas as persoas beneficiarias presenten as facturas correspondentes aos gastos en material escolar realizados. Estas facturas deben ser de data posterior ao 1 de agosto e deben ser expedidas a nome da persoa solicitante da axuda e no seu concepto debe ficar claramente o material adquirido, que deberá, necesariamente, estar dentro dos conceptos subencionábeis.

A solicitude presentarase preferiblemente a través da sede electrónica do concello de Arzúa, no Rexistro Xeral da Casa do Concello ou por calquera das vías establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do Procedemento administrativo común.

Para máis información, o departamento de Servizos Sociais do Concello de Arzúa está a disposición no teléfono 981500000, extensión 140 ou 142.

Bases da convocatoria:  https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2023/09/07/2023_0000007108.html

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email