Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Obradoiro de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes

A concellaría de Igualdade do Concello de Arzúa levará a cabo unha nova edición do obradoiro de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes

A actividade desenvolverase desde o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arzúa e a Fundación Mujeres, coa colaboración da Deputación da Coruña

Lucía López, concelleira de igualdade: “esta iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio para as mulleres a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento a outros recursos de apoio á dependencia”.

Obradoiro de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes

 Arzúa, 2 de agosto de 2023

A concellaría de Igualdade do Concello de Arzúa pon en marcha unha nova edición do obradoiro de apoio integral a coidadoras de persoas dependentes no medio rural. A actividade é organizada polo Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arzúa e a Fundación Mujeres, coa colaboración da Deputación da Coruña.

A concelleira de igualdade, Lucía López, sinalou “a necesidade de actividades deste tipo, xa que a dependencia na contorna familiar é unha realidade cada vez mais frecuente e hoxe en día existe un importante núcleo integrado por persoas que asumen os labores de coidado de forma non remunerada, sendo fundamentalmente as mulleres quen seguimos a asumir ese rol de coidadoras” explicou.

Tal e como expresou Lucía López “a falta de información sobre como enfrontarse a unha situación nova e inesperada como é coidar a unha persoa dependente, ocasiona un estado de incerteza e de desasosego, xerando malestar tanto a nivel físico como emocional que afecta á súa calidade de vida, por iso esta iniciativa é concibida como un recurso de orientación, acompañamento e apoio para as mulleres a distintos niveis (emocional, formativo, de activación persoal e social) que será un complemento a outros recursos de apoio á dependencia” explicou.

Pola súa banda, o director do Centro de Información ás Mulleres de Arzúa, Adrián Gonçalves, explicou que “na metodoloxía do obradoiro primarán as actividades grupais dirixidas a reforzar as relacións sociais a través da interacción con mulleres que están na mesma situación. E procurarase mellorar a calidade de vida das mulleres coidadoras, excoidadoras e futuras coidadoras, e promover o seu desenvolvemento persoal e social” dixo.

O obradoiro constará de dez sesións que se impartirán os luns, desde o 11 de setembro ata o 13 de novembro en horario de 16:00 a 18:00 horas, na Aula Multiusos de Edificio Sociocultural María Mariño.

As prazas son limitadas e cubriranse por orde de solicitude. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse antes do 8 de setembro no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arzúa (Rúa Santiago, 2), chamando ao 981 501 101 ou a través do formulario que está dispoñíbel na web do Concello arzua.gal ou pinchando aquí.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email