Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa lanza o novo programa de andainas “Camiño á igualdade: Arzúa unha nova etapa”

O programa está dirixido a mulleres, comezará o 26 de agosto coa primeira andaina e continuará até comezo do mes de novembro. 

O Concello de Arzúa lanza o novo programa de andainas “Camiño á igualdade: Arzúa unha nova etapa”

Arzúa, 10 de agosto de 2023._ A Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arzúa veñen de pór en marcha un novo programa de andainas baixo o nome “Camiño á igualdade: Arzúa unha nova etapa”, un programa de andainas dirixido a mulleres que busca xerar un espazo de encontro e lecer para as mesmas no Concello de Arzúa.

“Trátase dun programa que nace con dúas metas fundamentais: achegar unha alternativa de ocio saudable para as mulleres ao tempo que facilitar ás mulleres de Arzúa espazos seguros e de encontro”, explicou o Concelleira de Igualdade, Lucía López.

“Ao mesmo tempo que se descobren lugares e contornas naturais de interese do noso concello, as mulleres poderemos tecer redes entre nós, coñecéndonos e compartindo tempo” explicou a concelleira de Igualdade, que, engadiu, “o obxectivo principal é favorecer un proceso de empoderamento nas mulleres, tomando conciencia do que supón a estrutura patriarcal que sustenta o sistema no que vivimos e a necesidade e importancia de visibilizar a forza colectiva das mulleres, dotándonos de espazos e tempos propios” explicou a concelleira.

Pola súa banda, o director do CIM de Arzúa, Adrián Gonçálves, explicou que “este programa contará con seis roteiros diferentes ubicados no termo municipal de Arzúa e realizaranse os sábados, de 11:00 a 13:00, cunha periodicidade quincenal, comezando o 26 de agosto e rematando o 4 de novembro”, explicou.

“A través deste programa traballaremos de xeito transversal a prevención de violencias machistas e a mellora da autoestima das mulleres participantes para poder intervir en situacións de desigualdade de xénero” sinalou o director do CIM.

A programación completa é a seguinte:

  • 26 de agosto | Coñecéndonos | Saída: Praza de Galiza
  • 9 de setembro | Atopándonos | Saída: Área Recreativa de Ribadiso
  • 23 de setembro | Mirándonos | Saída: Embalse de Portodemouros (Dombodán)
  • 7 de outubro | Festexándonos | Saída: Carballeira da Mota
  • 21 de outubro | Igualando Camiños | Saída: Local Social de Oíns
  • 4 de novembro | Unindo Pegadas | Saída: Capela da Fontesanta

As prazas son limitadas e cubriranse por orde de solicitude. A inscrición é gratuíta e debe formalizarse antes do 24 de agosto no Centro de Información ás Mulleres do Concello de Arzúa (Rúa Santiago, 2), chamando ao 981 501 101 ou a través do formulario que está dispoñíbel pinchando aquí.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email