Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O alcalde de Arzúa faise eco da demanda de nais e pais usuarios da Escola Infantil

Denuncian que coas intensas choivas destes días está a entrar auga no edificio e requírese unha solución “urxente e inmediata para garantir a seguridade e o benestar das crianzas e persoal deste centro”

Carril: “a Xunta de Galiza, como responsábel do servizo que presta a Escola Infantil, debe acometer melloras urxentes na Escola Infantil para garantir que as veciñas e veciños de Arzúa teñan ao seu alcance as mellores instalacións para a atención educativa e os coidados das súas fillas e fillos”

Arzúa, 26 de outubro de 2023._O Alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, fíxose eco da demanda de nais e pais usuarios da Escola Infantil “Galiña Azul”, dependente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar da Xunta de Galiza, reclamando melloras estruturais urxentes no edificio.

O alcalde de Arzúa faise eco da demanda de nais e pais usuarios da Escola Infantil

Xoán Xesús Carril, que se achegou á Escola Infantil para comprobar in situ a situación que se está a vivir nos últimos días neste centro. “Coa chegada da intensas choivas dos últimos días está a entrar auga no edificio, en concreto por unha zona de luminarias, unha situación que pon en risco o benestar e a seguridade das crianzas e do persoal do centro” explicou o alcalde nacionalista. “Desde o Concello fai un mes que lle solicitamos unha reunión ao Xerente do Consorcio para falarmos de varias cuestións que atinxen á Escola Infantil así como tamén do que ten a ver coa demanda dun Centro de Día no noso Concello. A día de hoxe seguimos sen resposta pola súa parte” denunciou Carril.

Desde a Alcaldía de Arzúa informan que esta mesma mañá remitiron, de novo, unha solicitude de reunión á Xerencia do Consorcio, anexando fotografías do estado en que se atopa a Escola Infantil, e “pedíndolles que esa reunión sexa concedida á maior brevidade porque entendemos que este é un tema urxente que non pode esperar” explicou o Alcalde.

“O Concello faise cargo dalgunhas cuestións do mantemento ordinario da Escola Infantil mais outras problemáticas estruturais que presenta este edificio non son abarcables en solitario cos recursos cos que conta o Concello” sinalou Carril e, engadiu, “a Xunta de Galiza, como responsábel do servizo que presta a Escola Infantil, debe acometer melloras urxentes na Escola Infantil para garantir que as veciñas e veciños de Arzúa teñan ao seu alcance as mellores instalacións para a atención educativa e os coidados das súas fillas e fillos. Así llo fixemos saber xa por escrito ao Xerente do Consorcio e agardamos que isto poida ser pronto abordado unha reunión presencial e que con urxencia se acometan estas melloras” concluíu o Alcalde de Arzúa.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email