Arzúa, 23 de novembro de 2023. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para este venres o derradeiro espectáculo incluído na oitava edición da programación cultural Outono a escena que chega ao seu fin despois de catorce propostas culturais repartidas nos meses de outubro e novembro. Este venres ás 21:00h a Capela da Madanela acollerá un monólgo de Xan Veiga para poñer o broche de ouro a esta programación.
O cómico arzuán celebra os seus 30 anos sobre os escenarios e faino coa proposta Sonchistorias, un espectáculo de historias esfiañadas e coas agullas do humor, xiros e reviravoltas tan divertidas como aloucadas, desventuras absurdas ou malentendidos hilarantes son os compoñentes desta homenaxe ao humor inxenuo, o que só pretende facer rir.
Xan Veiga estreou o seu último espectáculo na pasada edición do FIOT de Carballo e agora achégao a Arzúa para festexar os seus trinta anos nas táboas, unha traxectoria que o levou por escenarios de todo o país e por populares programas televisivos como No te rías que es peor, Supermartes ou Luar.
A función comezará ás 21:00h na Capela da Madanela e a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade.
Ademáis, aproveitou a ocasión para anunciar que na vindeira semana darase a coñecer a programación de Nadal que o seu departamento xa ten preparada.