Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Proxecto de fomento da lectura “Arzúa, cruzamento de Camiños, cruzamento de libros”

Proxecto de fomento da lectura “Arzúa, cruzamento de Camiños, cruzamento de libros”

Arzúa bota a andar un novo proxecto de fomento da lectura. Baixo o título “Arzúa, cruzamento de Camiños, cruzamento de libros” o Concello saca os libros á rúa e instala casetas no exterior para o seu depósito.

Arzúa, 7 de abril de 2022. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha un novo proxecto titulado Arzúa, cruzamento de Camiños, cruzamento de libros, unha das diferentes accións para fomentar a lectura incluídas na programación municipal Primavera de Cultura.
Mañá venres día 8 arrincará esta iniciativa que conta coa colaboración da Biblioteca Municipal e do IES de Arzúa. Instalaranse tres puntos de acceso á lectura no Parque infantil de Arzúa, Parque infantil de Sta. María e Prazoleta da Rúa das Dores. Son tres librarías de madeira nas que haberá a disposición de calquera persoa interesada libros para coller de balde, ler e volver a depositar en calquera dos puntos indicados. Haberá libros para todos os públicos e os mesmos contarán cunha etiqueta identificativa deste proxecto e cunha solapa no seu interior para que, toda persoa que o desexe, deixe quedar o seu nome e a data na que colleu o libro para deixar constancia da itinerancia de cada exemplar.
Esta práctica coñecida como bookcrossing consiste en deixar libros en lugares públicos para que os recollan outros lectores, que despois farán o mesmo.
Mañá, coincidindo co primeiro día no que bota a andar esta proposta, farase a inauguración cun acto simbólico do depósito dos libros na caseta instalada no Parque Infantil de Arzúa ás 12:30h. Neste acto, aberto ao público, participarán a Concelleira de Cultura, Aurora Varela, e un grupo de voluntariado da biblioteca escolar do IES de Arzúa.
En palabras da propia concelleira, Aurora Varela anima “a toda a veciñanza a participar neste novidoso e ilusionante proxecto que nace co obxectivo de fomentar a lectura e de faciliar o seu acceso a toda a poboación”. Ao mesmo tempo, tamén pide a colaboración dos futuros usuarios para que respecten as normas de funcionamento desta iniciativa co fin de que se poidan aproveitar dela cantas máis persoas mellor.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email