Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa e O Pino só abrirán os polideportivos para os peregrinos cando se esgoten as prazas nos aloxamentos públicos e privados dos municipios

Arzúa e O Pino só abrirán os polideportivos para os peregrinos cando se esgoten as prazas nos aloxamentos públicos e privados dos municipios
Fotos folleto turismo peregrinos.
FOTO: Alicentis SL

Os alcaldes queren “evitar a competencia desleal” nuns concellos que contan con moitas prazas de aloxamento

Os alcaldes de Arzúa e O Pino, José Luis García e Manuel Taboada respectivamente, tomaron a decisión de non abrir os polideportivos municipais aos peregrinos do Camiño de Santiago ata que estean esgotadas as numerosas prazas de aloxamentos públicos e privados que hai en cada un dos dous municipios. “Non lle queremos facer competencia desleal aos hostaleiros que ofrecen camas aos camiñantes dos dous concellos”, sinala Taboada Vigo. “Non ten sentido que abramos os polideportivos como aloxamento cando hai moitas prazas de aloxamento nos dous pobos”, engade García López.
A presencia de peregrinos do Camiño de Santiago está recuperando ritmos anteriores á pandemia e prevese que durante este verán a afluencia de camiñantes volva ser masiva. Nos concellos de Arzúa e O Pino empezaron a recibir chamadas de grupos organizados solicitando durmir nos polideportivos municipais.
“Non imos abrir os pavillóns ata última hora da tarde e, sempre, despois de confirmar que xa non hai prazas libres nos moitos albergues, hoteis ou hostais, tanto públicos coma privados, que traballan nos nosos municipios”, afirma con rotundidade Manuel Taboada.
Pola normativa de Turismo, os concellos non poden cobrar por durmir nos polideportivos. “Se nós facilitamos estes aloxamentos estariamos facendo competencia desleal ao sector privado”, engade José Luis García, quen recorda que hai anos a Secretaría Xeral de Turismo xa ten sancionado ao Concello de Arzúa, atendendo ás denuncias de hostaleiros.
Por este motivo, os dous alcaldes recórdanlles aos responsables de grupos organizados, e aos camiñantes en xeral, que deben contactar cos albergues públicos e cos diferentes aloxamentos privados para reservar prazas. “Nós nos imos abrir os polideportivos ata que todas as prazas estean esgotadas. Cando sexa necesario, e sempre en días puntuais e cando non haxa camas libres, poderemos permitir durmir nos pavillóns. Pero non os abriremos ata última hora da tarde”, engaden Manuel Taboada e José Luis García.
Os dous alcaldes esperan que dende a Mancomunidade de Concellos do Camiños Francés propoñan aplicar esta mesma medida en todos os concellos galegos polos que pasa o Camiño, para “evitar confusións e malos entendidos cos peregrinos, camiñen sós ou en grupos organizados, e que en toda Galicia se aplique unha medida uniforme”, engaden os rexedores de Arzúa e do Pino.
Manuel Taboada e José Luis García son conscientes de que tanto Arzúa como O Pino son os municipios polos que pasan máis peregrinos, ao estar nas últimas etapas do Camiño Francés, e, polo tanto, os que sofren en maior medida este problema. “Non imos facerlle competencia desleal ao establecementos dos nosos municipios. Esta medida xa a tomamos os últimos anos antes da pandemia e ímola seguir aplicando este ano”, conclúen.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email