Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Multiusos Terra do Queixo acolle unha gran exposición sobre as paisaxes do Camiño de Santiago

O Multiusos Terra do Queixo acolle unha gran exposición sobre as paisaxes do Camiño de Santiago

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa informa que hoxe, xoves 5 de agosto, inaugúrase unha gran exposición sobre as paisaxes do Camiño de Santiago no primeiro andar do Multiusos Terra do Queixo.
Ás 11h do mediodía abrirase oficialmente ao público esta mostra que chega baixo o título Diálogos das micro e macro paisaxes nos Camiños de Santiago por Galicia, unha iniciativa impulsada pola Asociación Galega de Cartografía a través do Programa O Teu Xacobeo coa colaboración da Fundación Galicia Sustentable.
A mostra permanecerá en Arzúa ata o 12 de agosto en horario de 9 a 14h e de 16 a 19h de luns a venres. Tamén abrirá o domingo 8 en horario de mañá coincidindo coa feira quincenal.
A iniciativa artéllase en torno a varias accións que pretenden valorizar e dar a coñecer o patrimonio tanto natural coma cultural do entorno de cinco dos Camiños de Santiago: Vía da Prata, Camiño Primitivo, Camiño Inglés, Camiño Portugués pola costa e Muxía-Fisterra.
Na exposición poderanse ver vídeos e fotografías «a vista de dron» sobre o patrimonio natural e cultural dos camiños e, paralelamente, as texturas que conforman as grandes paisaxes mediante fotografías de detalle. Son fotografías onde os obxectos se mostran tan grandes que se aprecian cousas que non se poderían ver a simple vista.
A mostra estará acompañada dunha publicación enriquecida con textos elaborados en exclusiva por autores noveles galegos e de contido multimedia incorporado a unha plataforma web que permitirá acceder dun xeito sinxelo, interactivo e intuitivo a todos os contidos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email