Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Ciclo de música na rúa «En aberto»

Ciclo de música na rúa "En aberto"

Rubens Consort, Aldara, MJ Pérez, Sabela King Trío e Acordeireta actuarán na Praza de Galiza.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido pola concelleira Aurora Varela, organiza, dentro da programación cultural de verán, unha nova edición do Ciclo de música na rúa baixo o nome de En Aberto. Este ano programaranse un total de cinco concertos ao aire libre, un máis que en anos anteriores. Os mesmos celebraranse na Praza de Galiza ás 21:00h, serán de balde, con acceso libre e aforo limitado.
Este xoves, 22 de xullo, terá lugar o primeiro recital da man de Rubens Consort cunha proposta de música de cámara a cargo deste trío de corda.
Rubens Consort é un conxunto formado por músicos de talla mundial que comparten amizade e paixón pola música de cámara interpretando obras mestras de todos os periodos da historia da música. Cada un dos músicos, que estudaron en conservatorios de renome nos EE. UU. e Europa, achegan as súas propias experiencias e influencias ao grupo. En Arzúa interpretarán pezas de Haydn, Bach, Ravel e Fauré.
Neste ciclo tamén se subirán ao escenario as artistas locais Aldara o 29 de xullo e MJ Pérez en formato cuarteto o 5 de agosto. O xoves 19 de agosto será a quenda de Sabela King Trío que apostan por misturar composicións propias e versións moi personais de cancións de Sam Cooke, Johnny Cash e Emily Loizeau. A última actuación correrá a cargo de Acordeireta o xoves 26, un dúo de acordeón e pandeireta formado por Patricia González e Alejandro Balbuena nunha proposta que pretende dignificar a nosa lingua e a cultura galega.
Todos os concertos celebraranse cumprindo os protocolos vixentes fronte á Covid-19.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email