Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa reivindica non retroceder nos dereitos conquistados para as mulleres nin dar marcha atrás no camiño da igualdade, na campaña polo 8 de marzo

“Até que todas sexamos libres” é o lema escollido pola Concellaría de Igualdade e o CIM de Arzúa, cun cartaz autoría da recoñecida ilustradora e muralista Lidia Cao.

A campaña foi presentada pola concelleira de igualdade, Lucía López Sobrado, acompañada de mulleres veciñas de Arzúa, “representantes do tecido social e laboral do noso Concello porque mulleres coma elas son as que sosteñen o día a día da nosa sociedade e elas teñen que ser as protagonistas dunha data de recoñecemento e reivindicación de dereitos para as mulleres como é a do 8 de marzo” explicou a concelleira nacionalista.

Arzúa reivindica non retroceder nos dereitos conquistados para as mulleres nin dar marcha atrás no camiño da igualdade, na campaña polo 8 de marzo

Arzúa, 29 de febreiro de 2024._A Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás mulleres presentaron a campaña que desde o Concello de Arzúa se desenvolverá en torno ao 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras.

A campaña foi presentada pola concelleira de igualdade, Lucía López Sobrado, acompañada de mulleres veciñas de Arzúa, “representantes do tecido social e laboral do noso Concello porque mulleres coma elas son as que sosteñen o día a día da nosa sociedade e elas teñen que ser as protagonistas dunha data de recoñecemento e reivindicación de dereitos para as mulleres como é a do 8 de marzo” explicou a concelleira nacionalista.

Estiveron presentes nesta presentación a actriz arzuá Lidia Veiga, a empresaria Ledicia Orois, a gandeira Pilar Castro, a directora da EFA Piñeiral e hostaleira, Raquel Carregal, e a reposteira Teresa Rodríguez, do obradoiro Mamá Teresa.

Baixo o lema “Até que todas sexamos libres” e cun deseño autoría da recoñecida ilustradora e muralista Lidia Cao, natural de Ordes, a concelleira de igualdade, Lucía López Sobrado, destacou a necesidade “de reclamar neste 8 de marzo que as mulleres non podemos retroceder nos dereitos conquistados nin dar marcha atrás no camiño da igualdade” explicou.

“Vivimos nunha sociedade na que as mulleres só ocupamos o 7% das figuras referentes das que falan os libros de texto, na que a proporción de homes en postos de dirección é 30 puntos maior que a das mulleres, e na Galiza a brecha salarial entre mulleres e homes segue sendo de mais do 18% e supera o 30% cando falamos das pensións” sinalou López Sobrado. “Isto non acontece porque si, se non porque durante moitos anos as mulleres e o noso traballo foi invisibilizado e minusvalorado” explicou e, engadiu, “as mulleres representamos máis da metade da humanidade, a igualdade e a defensa dos nosos dereitos beneficia ao conxunto da sociedade e fana medrar como unha sociedade mellor” destacou a concelleira.

Inauguración dun novo espazo público en Arzúa: a Casa das Mulleres

Desde a Concellaría de Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres avanzaron unha serie de actividades que se desenvolverán nos vindeiros días dentro desta campaña. O material da campaña comezará a distribuírse xa no Punto violeta que estará ubicado na noite do sábado, 2 de marzo, na Festa do Queixo e que continuará nos vindeiros días cunha xornada técnica de coordinación contra as violencias machistas, que terá lugar o 7 de marzo, e continuará coa inauguración o propio 8 de marzo dun mural autoría de Lidia Cao, “que trasladará o deseño do cartaz desta campaña ás rúas de Arzúa” explicou a concelleira Lucía López.

Destaca entre as actividades que se realizarán a inauguración da “Casa das Mulleres”, situada no lugar que ocupa a coñecida como “Casa Beatriz”, no casco histórico arzuán, e a onde se trasladarán a partir desta data as instalacións do CIM de Arzúa e será “un punto de encontro e un espazo de referencia para as mulleres de Arzúa e a nosa comarca, onde desenvolveremos moi diversas actividades” explicou Adrián Gonçalves, director do CIM de Arzúa.

As actividades na Casa das Mulleres arrincarán o sábado, 9 de marzo, ás 18.30 horas co contacontos “Unha nena moi moi valente”, a cargo de Trémola Teatro e dirixido a crianzas de máis de 3 anos. Ás 19:30 horas dará comezo o acto de inauguración que contará coa actuación musical das Pandeireteiras da Asociación Cultural O Bringuelo.

Xa o 16 de marzo as actividades organizadas pola Concellaría de Igualdade e o CIM Arzúa continuarán co inicio do programa de andainas “Tecendo camiño” e seguirán “ao longo do mes de marzo con diferentes xornadas de portas abertas na Casa das Mulleres dirixidas aos centros de ensino e colectivos, co obxectivo de darlles a coñecer este espazo e o importante traballo que se desenvolve desde o CIM Arzúa” ampliou Lucía López, Concelleira de Igualdade.

“A loita feminista conquistou nas últimas décadas moitos avances en dereitos para as mulleres, mais a igualdade aínda segue a ter obstáculos a día de hoxe, por iso é importante que sigamos defendendo o dereito das mulleres a ocupar o lugar que merecemos e a que sigamos avanzando na conquista de dereitos e dunha sociedade plenamente igualitaria entre mulleres e homes, até que todas sexamos libres como acertadamente reclama o lema desta campaña” concluíu Lucía López Sobrado.

Arzúa reivindica non retroceder nos dereitos conquistados para as mulleres nin dar marcha atrás no camiño da igualdade, na campaña polo 8 de marzo

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email