Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Acordo histórico para a aprobación do convenio de traballadores do Concello de Arzúa

P1020528

Despois de vinte anos agardando, Arzúa dá un paso adiante para mellorar as condicións do persoal laboral e funcionario do concello. O xoves, 13 de febreiro, reuniuse a Mesa de Negociación para proceder á sinatura dos dous documentos: Convenio Colectivo do Persoal Laboral e Acordo Regulador do Persoal Funcionario, que deberán ser ratificados na sesión plenaria que se celebrará nos vindeiros días.

Tras moitos meses de negociacións e sempre contando coa plena disposición e boa vontade do goberno municipal que preside José Luis García, os representantes sindicais e o propio alcalde estampaban a súa rúbrica nun documento que, sen dúbida, beneficiará a todos os empregados do concello velando, ante todo, pola súa estabilidade laboral.

O novo convenio, segundo detalla o alcalde, fai fincapé no establecemento dos dereitos, deberes, código de conducta e o réxime disciplinario dos empregados. Regúlanse, así mesmo, os dereitos de representación e participación colectiva e fíxanse os calendarios laborais, xornadas e horarios, así como o réxime de permisos e vacacións, homologando o persoal laboral co funcionario neste réxime de licencias. Estructurase o sistema retributivo, indemnizacións e gratificacións por servizos extraordinarios.  Regúlanse os procedementos de selección do persoal, a funcionarización do persoal laboral e medidas para a consolidación de emprego.

Ademais, ponse en marcha por primeira vez unha Comisión de Seguemento, e resérvanse distintas partidas económicas para as áreas de formación e acción social. Entre outras melloras inclúese tamén seguro colectivo de accidentes, asistencia xurídica e responsabilidade civil e compleméntase a cobertura de incapacidade temporal, dentro dos límites que establece a lei.

As negociacións para alcanzar ambos acordos, explica o rexedor, “foron longas, máis non complicadas porque todos puxemos nisto o mellor de nós mesmos”. “É posible que non sexa o convenio soñado pero nestes momentos, a bo seguro, é o mellor que podemos ter”, remataba afirmando o alcalde.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Sede Electrónica
Perfil do Contratante
Portal de Transparencia