Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

A mostra «Nós somos elas» recala en Arzúa

A mostra "Nós somos elas" recala en Arzúa

Está composta por 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal que quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral.

Arzúa, 26 de abril de 2023. O Centro de Información ás Mulleres e o Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organizan a mostra Nós somos Elas, coa colaboración da área de Igualdade da Deputación da Coruña e a A.C. Alexandre Bóveda.

Esta mostra quere poñer o foco nas mulleres, retratadas no seu ámbito privado e laboral polo histórico fotógrafo José María Vidal de Laxe e con voz propia asinando os textos cos que dialogan as imaxes. Mulleres acompañadas dos seus fillos e fillas son os conxuntos máis repetidos nos 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal da colección permanente do Museo de Mar de Laxe. Son pezas do pasado e do presente que constrúen un relato diferente, inclusivo, que trae ás mulleres a ocupar o seu lugar na historia, a facelas protagonistas e visibilizalas.

A exposición pódese visitar do 27 de abril ao 12 de maio na Capela da Madanela en horario de 18:30 a 20:30 de xoves a sábados.

O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX ata finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal.

Os Vidal foron retratistas da vida cotiá de Laxe e toda a comarca e non houbo acontecemento social que non pasase polas súas cámaras. O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas nas que as mulleres ocupan o lugar de protagonistas en fotografías tiradas no ámbito privado e familiar que son a maior parte das seleccionadas en Nós somos elas.

Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Lucía Aldao e Yolanda Castaño son algunhas das poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email