Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programación cultural «Primavera de Cultura» (abril e maio 2024)

Programación cultural "Primavera de Cultura" (abril e maio 2024)
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa, dirixido polo concelleiro José Luís García, organiza unha programación de actividades para os meses de abril e maio baixo o título Primavera de Cultura.
Trátase dun programa de actividades gratuítas e para todos os públicos que conta con propostas arredor do Día do Libro e das Letras Galegas.
A primeira actividade terá lugar este venres, 5 de abril, cun contacontos para conmemorar o Día do Libro Infantil e Xuvenil. Máis de corenta escolares de 5 anos participarán no espectáculo Contos da lúa da compañía Trécola Producións que se levará a cabo na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro nunha función escolar que comezará ás 11:30h.
Outra das propostas para o mes de abril chega o venres 19 coa celebración do 1º Encontro literario Arzúa Le na Capela da Madanela ás 20:00h. Trátase dunha mesa redonda sobre o proceso de creación literaria e publicación dunha obra. O acto, aberto ao público, será moderado polo coordinador do club de lectura municipal, José Manuel Pampín, e nel participarán a artista e tradutora Andrea Birsanu, a representante da editorial Cuarto de inverno, Andrea Jamardo, e o escritor Xosé Carlos Carracedo.
O sábado 20 a Casa da Cultura acollerá a partir das 20:00h un concerto a cargo da Rondalla Moraima de Arzúa e do Coro Voces da Terra de Vila de Cruces. Ao final do mesmo realizarase un sorteo de diversos libros entre todas as persoas asistentes.
Por outra banda, o martes 23, para celebrar o Día do Libro, porase en marcha de novo a campaña de fomento da lectura Arzúa Conta na que durante toda a xornada entregarase un agasallo con cada préstamo na biblioteca municipal ou con cada merca dun libro nas librarías locais.
A arte tamén ten presencia nesta programación cunha exposición colectiva en colaboración co colectivo artístico ARTE LUCET formado por nove artistas da pintura e da fotografía que expoñerán a súa obra na Capela da Madanela do 25 de abril ao 18 de maio en horario de 18:30 a 20:30 de xoves a sábados. A inauguración da mostra será o primeiro día, o xoves 25 de abril, ás 19:00h.
Para pechar o mes de abril, o sábado 27 terá lugar o acto de presentación da última novela da arzuá Ana González Rey. Presentará Alana na súa vila natal na Capela da Madanela ás 18:00.
A programación Primavera de cultura terá continuidade no mes de maio con varios eventos centrados especialmente na conmemoración do Día das Letras Galegas.
O concelleiro de cultura, José Luís García, destacaba esta mañá ter artellado unha programación para fomentar a cultura e o coñecemento das nosas Letras “cun amplo apoio ao tecido cultural local, contando cos distindos centros educativos, asociacións e artistas locais”. Ademais, fai un chamamento á participación a toda a veciñanza e especialmente “ás familias con nenos e nenas para involucralos na actividade cultural desde a infancia”.

PROGRAMACIÓN:
ABRIL

Venres 5. Conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil: Espectáculo “Contos da lúa” de Trécola Producións
Biblioteca Municipal Rosalía de Castro | Función escolar | 11:30h

Venres 19. I Encontro Literario “Arzúa Le”
Mesa redonda coa participación de Andrea Birsanu (artista e tradutora), Andrea Jamardo (editorial Cuarto de inverno) e Xosé Carlos Carracedo (escritor). Modera José Manuel Pampín (coordinador do club de lectura municipal)
Capela da Madanela | 20:00h

Sábado 20. Concerto da Rondalla Moraima e Coro Voces da Terra
Realizarase un sorteo de diversos libros entre as persoas asistentes
Casa da Cultura | 20:00

Martes 23. Día do Libro: Campaña “Arzúa Conta”
Entrega dun agasallo con cada préstamo na biblioteca municipal ou con cada merca dun libro nas librarías locais (ata fin de existencias)
Do 25 ao 30. Exposición do Colectivo ARTE LUCET
Inauguración o xoves 25 de abril ás 19:00h
Capela da Madanela | 18:30-20:30 (de xoves a sábados)

Sábado 27. Presentación do libro “Alana” de Ana González Rey
Capela da Madanela | 18:00h

MAIO
Ata o día 18. Exposición do Colectivo ARTE LUCET
Capela da Madanela | 18:30-20:30 (de xoves a sábados)

Sábado 11. “Poesía de pueblo en pueblo”. Evento poético-musical orixinal de Germán Terrón e Felicidad González
Praza de Galiza | 19:30
(En caso de mal tempo: Capela da Madanela)

Venres 17. Celebración do Día das Letras Galegas
Actuación de Zoelas co espectáculo “Des(a)fiada”
Casa da Cultura | 19:00

Sábado 25. Festival de fin de curso das escolas municipais de Danza Moderna
Polideportivo de O Viso | 18:00

Venres 31. Contacontos “De Castro a Villalta” de A Xanela do Maxín.
Biblioteca Municipal Rosalía de Castro | Función escolar | 11:30h

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email