Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Castañeda (Santa María)

Extensión: 7’6 Km2

Poboación: 161

Núcleos máis importantes: Doroña, A Crus, Fraga Alta, Pedrido, A Pena, Portela, Pumar, Pumariño, Río, Sedor.

Festas parroquiais: Romaría Grande (en honor a Virxe do Rosario), primeiro domingo de xullo. Santa María, 15 agosto.

Lugares de interese:

Igrexa parroquial de Santa María da Castañeda. Data do século XVIII. O retábulo maior é do século XVIII, de estilo barroco.

A parroquia de Castañeda é nomeada no Codex Calixtinus, pois había uns fornos de cal, onde os peregrinos cocían as pedras que levaban desde Triacastela como penitencia voluntaria.

Pazo de Sedor. Propiedade particular, data do século XVII. Foi fundado por Francisco González do Vilar, Colexial de Fonseca, Avogado da Real Audiencia do Reino de Galicia e Fiscal de Guerra de mesmo Reino. No interior do pazo destaca a lareira, cunha gran cheminea, de deseño barroco no exterior, con dous fornos, un a cada lado. Ademais, son de salientar as escaleiras principais de acceso, xunto con outras secundarias entre muros que dan acceso á segunda planta. Na finca do pazo pódese ver tamén un antigo muíño de auga e os restos dun hórreo que alcanzaba uns quince metros de longo.
Na actualidade, o pazo emprégase como hospedería de turismo rural.

Pazo do Pumar. Construción de estilo barroco, de propiedade privada. A cheminea é monumental, con fábrica de cantaría e ornamentada con catro pináculos. Hai que destacar a famosa Cama do Picante, situada no vestíbulo da casa. Esta consiste nun caixón de madeira, onde se atopaban as parellas, previa cita concertada polo «Picante».
Tamén teñen unha fonte de pedra de tres pías no patio de entrada; un gran hórreo, situado na fachada sur; un pombal, no centro da finca; e amplos xardíns, ubicados na fachada leste.

Fonte Pormás. Conta con dúas lendas asociadas, que falan da fonte e dos encantamentos que alí tiveron lugar:

Unha delas relata que un fidalgo tiña unha filla moi fermosa, e canso do gran número de pretendentes, levou á súa filla a Fonte Pormás. Leu unha serie de parágrafos dun libro, e a rapaza entrou polo cano da fonte. Acto seguido foron os sacos de ouro, e finalmente convertíu un adival en serpe. Para que se producira o desencantamento, un mozo debería bicar tres veces, en tres ocasións diferentes á serpe. Un rapaz, que observara todo o proceso, envalentonouse e conseguíu desfacer o feitizo, quedándose coa moza e os sacos de cartos. Pouco despois ambos foron casar á igrexa parroquial.

Outra historia refírese a unha muller de Castela, que coñecedora da historia do fidalgo, leva as súas tres fillas, para botalas do seu carón. As rapazas estiveron encerradas ata a vellez da nai, quen preto da morte quería volver velas. A sorte fixo que un segador de Arzúa fóse traballar a Castela, e falase da auga fresca de Fonte Pormás. Cando a muller o escoitou pediulle un favor, que lle levase tres bolos de pan e os pousase sobre a fonte, sen que ninguén o vise, dicindo:
«Oureíña, oureana,
Toma este boliño
Que che manda túa ama.»

A vella prometeulle grandes tesouros, se facía o pactado. O mozo levou os pans nunha arca, e antes de ir cara á Fonte, a súa muller viu un deles pola pechadura. Fixo como lle comentaran, e saiu primeiro unha das rapazas, logo outra, pero a terceira dixo: «Temos ser felices, pero por culpa da túa muller dobrouse o meu encanto. Leva ese xustillo e ponllo á túa dona». O home levouse a roupa, e colgou o xustillo nun castiñeiro, que comeceu a arder. Só quedou un carozo, que segue no mesmo lugar hoxe en día. A moza continuou encerrada, ata que houbo unha gran treboada, e saíu en figura de fusil, sendo ollada pola veciñanza sobre as augas.