Un xurado integrado por representantes do Concello e por profesionais relacionados co mundo da fotografía foi o encargado no día de onte de valorar as trinta e catro propostas que se presentaron ao concurso de fotografía convocado polo Departamento Municipal de Cultura coa finalidade de fomentar a concienciación medioambiental e contribuir a conservar e mellorar o noso contorno.
O xurado do que formou parte Óscar Fernández axente TIC da Aula CeMIT), Pilar Castro (Concelleira de Sensibilización Mediambiental), o fotógrafo Jose Manuel García e Marcos Pampín (responsable do Departamento de Cultura) que actuou como secretario, valorou das propostas presentadas a calidade técnica e artística das mesmas así como a capacidade que teñen as imaxes para comunicar visualmente e promover a sensibilización medioambiental.
Despois das valoracións e puntuacións, tal e como recollían as bases do concurso, resultaron elexidas como gañadoras as seguintes doce imaxes:
“Carballeira da Mota, San Estevo do Campo, o camiño do misterio” e “Camiño de outono á beira do Iso, preto da Fontesanta” de Miguel Sánchez.
“Non como as papas a ninguén” e “Cogomelos” de Eva García.
“Auga viva” de Juan Carlos Martín.
“Magosto” e “Xofre”, autoría de Aldara Gómez.
“Polinizando” e “Barrendeiros” de Diego Sánchez.
“Galiña Piñeira, a nosa galiña” e “Non estragues nin unha pinga” de Daniel Fernández.
Tamén resultou premiada a imaxe “Onirismo” tomada por Héctor Romero.
Estas fotografías elexidas formarán parte do calendario para o ano 2018 que elaborará o Concello de Arzúa e recibirán un premio dotado de cincuenta euros cada unha. Todas as propostas presentadas pódense ver no facebook do Departamento de Cultura do Concello de Arzúa.