Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa súmase á conmemoración do Día do Orgullo LGBT baixo o lema “Arzúa orgullosa e diversa!”

Arzúa, 28 de xuño de 2023.- O Alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, informou hoxe da serie de actividades que desde o Concello “humildemente e en tempo récord puxemos en marcha porque non podíamos deixar de conmemorar desde Arzúa o 28 de xuño, Día do Orgullo LGBT” explicou.

“Trátase dunha data importante na que, baixo o lema “Arzúa orgullosa e diversa”, queremos desde o Concello pór un gran de area aos eventos e actos reivindicativos que se van suceder en torno a esta data ao longo de toda Galiza, contribuíndo á visibilización, sensibilización e concienciación no respecto a todas a identidades de xénero e aos necesarios avances sociais e normativos que nesta materia deben producirse” sinalou o Alcalde de Arzúa.

Así, ademais de engalanar a fachada do Concello de Arzúa coa bandeira LGBT, o mércores 28 de xuño a partir das 11:30 horas instalarase un posto informativo na Praza de Galiza, “a través do cal distribuiremos diferente material para todas aquelas veciñas e veciños que queiran achegarse a recollelo e sumarse á celebración dunha Arzúa orgullosa e diversa” explican desde o Concello. Ademais, o venres 30 de xuño, da man do FICBueu-Festival Internacional de Cinema de Bueu, a partir das 22 horas na Praza de Galiza proxectaranse diversas curtametraxes de temática LGBT, “unha actividade aberta ao público á que queremos convidar a participar a toda a veciñanza, pois sen dúbida será pedagóxica e de moito proveito para todas e todos” sinalou o Alcalde, Xoán Xesús Carril.

Por último, desde o Concello de Arzúa sinalan que “a atención á reivindicación de dereitos para as persoas LGBT non pode quedar circunscrita só á celebración ritual desta data, o compromiso do Concello de Arzúa é ter presente o respecto ás liberdades afectivo-sexuais e a diversidade de xénero en todas as actividades que realicemos e en todas as áreas, e seguiremos traballando para ampliar os servizos e recursos nesta materia” concluíu o rexedor arzuán.

 

O Concello de Arzúa súmase á conmemoración do Día do Orgullo LGBT baixo o lema “Arzúa orgullosa e diversa!”

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email