Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa reúnese coa veciñanza para informar dos avances na ampliación da fibra óptica

 

O Concello de Arzúa reúnese coa veciñanza para informar dos avances na ampliación da fibra óptica Arzúa 20 de abril de 2024. O Concello de Arzúa, en colaboración coa empresa Rede Aberta, realizou unha reunión informativa inicial coa veciñanza no local social da parroquia Oíns, marcando o comezo dun proxecto ambicioso para ampliar a cobertura de fibra óptica no municipio. Ao encontro asistiron o Alcalde Xoán Xesús Carril, a concelleira de Atención ás Parroquias, Mari Carmen Torreiro, e o concelleiro de Facenda e Contratación, Daniel Moscoso acompañados polo técnico de Rede Aberta, a empresa encargada da execución do proxecto. .

O obxectivo desta reunión foi achegar directamente á veciñanza os detalles sobre a extensión da rede de fibra en Arzúa, unha iniciativa clave para mellorar as infraestruturas e a conectividade nas zonas rurais. «Con esta reunión queremos achegar de primeira man á veciñanza a información sobre a ampliación da fibra óptica en Arzúa. Sabemos que este é un tema que interesa e preocupa á veciñanza e o que queremos é traballar con todas vós desde o principio para, pasiño a pasiño, resolver este e moitos outros problemas de infraestruturas que afectan á vida rural» afirmou o Alcalde Carril ante un local social repleto.

Nesta primeira fase, as accións centraranse nas parroquias de Dodro, O Couto de Oíns, Santo Estevo do Campo, San Martiño de Calvos e Viñós. Aínda que se recoñece que Rede Aberta non poderá alcanzar todos os fogares destas áreas inicialmente, o Concello comprometeuse a ampliar progresivamente o alcance co apoio de fondos municipais.

Para garantir que a veciñanza estea ben informada e involucrada no proceso acordouse emprazarse a futuras reunións nas que ir actualizando a información sobre o estado do proxecto.
Este esforzo conxunto entre o Concello de Arzúa, Rede Aberta e a comunidade local representa un paso significativo cara a un futuro máis conectado e accesíbel para todas as parroquias de Arzúa, reforzando o compromiso do goberno local coa mellora continua das infraestruturas e servizos para os seus cidadáns.

O Concello de Arzúa reúnese coa veciñanza para informar dos avances na ampliación da fibra óptica

 

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email