Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

I Concurso de fotografía ‘Ven ás feiras do 8 e 22’

camara-de-fotos-19413

Arzúa convoca un concurso de fotografía para promocionar as feiras quincenais dos días 8 e 22

Promocionar as feiras tradicionais de Arzúa a través de imaxes fotográficas que representen a súa singulariedade e o seu atractivo é o obxectivo do Concello de Arzúa que vén de convocar, por primeira vez, un concurso de fotografía para esta finalidade.

Establécese un procedemento aberto de participación e unha forma de selección mediante concurso con intervención de xurado. O Concurso está aberto a todas aquelas persoas (afeccionadas ou profesionais) maiores de 18 anos que desexen participar presentando como máximo tres propostas, dende o luns 26 de setembro ata o mércores 26 de outubro. Todos os traballos presentados deberán ser orixinais, inéditos e que non resultaran premiados noutros concursos.

As fotografías non poderán ser alteradas dixitalmente nin por calquera outro medio, non aceptándose fotomontaxes. Si serán aceptadas as correccións de luz e cor.

As obras deberán presentarse en formato dixital (.jpeg) en óptima calidade, non debendo superar o peso máximo do arquivo de 3 MegaBytes (Mb) e achegalas por correo electrónico a cultura@arzua.gal indicando un título que será unha razón pola que se visita ou debe visitar este mercado tradicional, o lugar no que foi tomada a fotografía e o nome e apelidos, idade e profesión do autor ou da autora.

Un xurado integrado por membros do Concello e por profesionais relacionados coa temática do concurso valorará a calidade técnica e artística de cada proposta e a capacidade que teña para comunicar visualmente e realzar os atractivos das feiras do 8 e 22 de Arzúa.

De entre todas as presentadas elixiranse doce fotografías que formarán parte do calendario para o ano 2017 que elaborará o Concello de Arzúa e recibirán un premio dotado de cincuenta euros cada unha.

BASES I CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ‘VEN ÁS FEIRAS DO 8 E 22’

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email