Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa lanza a campaña «En galego, sen límites!» para promover o uso do galego

Arzúa, 15 de maio de 2024

O Concello de Arzúa, comprometido coa promoción e normalización do galego, lanza a campaña «En galego, sen límites!«, unha iniciativa que ten como obxectivo normalizar o uso da nosa lingua en amplos sectores sociais. Con esta campaña, a Concellería de Igualdade quere iniciar a primeira de moitas accións para fortalecer o uso do galego no día a día das arzuás e arzuáns.

Unha aposta polo galego todos os días do ano

A Concelleira de Igualdade, Lucía López, subliñou a importancia de defender o galego todos os días do ano. «Normalizar o uso do galego é fundamental para preservar e fortalecer a nosa identidade cultural. Queremos que o galego sexa a lingua de comunicación habitual en todos os ámbitos da vida social en Arzúa», destacou.

En galego, sabe mellor

No marco desta campaña, o Concello está a repartir manteis coa mensaxe «En galego, sabe mellor» entre os establecementos de hostalaría da vila. O Alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, explicou que esta acción ten un obxectivo claro: «Arzúa recibe centos de peregrinos todos os días que teñen que saber que na Galiza temos un idioma propio. Queremos que sintan a riqueza cultural e lingüística de Galicia dende o primeiro momento».

Un compromiso transversal

O uso do galego será un eixe transversal a todas as políticas do grupo de goberno, implicando a todos os sectores sociais e económicos da vila. Con este enfoque, o Concello de Arzúa busca consolidar o galego como parte esencial da vida diaria e institucional.

Convite á mobilización

O Concello de Arzúa anima a toda a veciñanza a participar na mobilización convocada este 17 de maio en Santiago de Compostela pola plataforma Queremos Galego, composta por máis de 500 entidades sociais e culturais do país, que traballan na defensa da normalización do galego. «A participación cidadá é clave para avanzar cara á plena normalización do galego», engadiu Lucía López.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email