Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Artigo do Concello de Arzúa en homenaxe a Nacho Mirás, pregoeiro da 40 edición da Festa do Queixo

Ata Sempre,Nacho Mirás

 Foi o xornalista que todos desexamos ser, un ser humano de cualidades extraordinarias. Dicía tantas verdades e tan ben contadas, que ler o que él escribía cada día era un deses praceres cos que, sen contar, nos agasalla de vez en cando a vida.

Querido e admirado, Nacho Mirás podía presumir de contar cunha lexión de amigos que estivo con él nos bos e malos tempos, en todo momento e ata o final. Rodeado dunha extraordinaria familia, Nacho Mirás exerceu a profesión de xornalista ao longo de toda a súa vida e contaba o que acontecía dun xeito tan ameno, directo e sinxelo que todos os seus compañeiros de profesión admiraron sempre a enorme capacidade que posuía de contar en pouco tempo tanto e tan bonito.

No 2013, a súa vida deu un xiro radical, a aparición dun cancro cambiou para sempre o devir dunha persoa que loitou e se rebelou contra unha dura enfermidade. Enfrontou a súa loita dun xeito tan brutal que, a diario, contaba as súas batallas nun blog persoal denominado rabudo.com

Esta bitácora descubriu as bondades dun ser humano inigualable, narraba o seu día a día chamándolle ás cousas polo seu nome e conseguiu así namorar a ducias de lectores que quedaron prendados da fortaleza dun xornalista que atravesou nos dous últimos anos o mellor peor momento da súa vida, como el mesmo dicía e así o deixou plasmado no seu primeiro e único libro.

Nacho Mirás convertiuse, sen pretendelo, nun exemplo a seguir. Falaba da súa enfermidade dun xeito tan natural e enfrontouse a ela desde unha perspectiva tan forte e valente que o aluvión de admiradores chegou a contarse por milleiros. Acudiu a cantos eventos se lle convidou e fíxoo sempre cunha enorme xenerosidade, a mesma que mantivo ata o final.

En Arzúa lembrarémolo sempre como o magnífico pregoeiro da 40 Festa do Queixo, que celebramos neste 2015. Aceptou encantado e dixo que viña co “corazón contento e cheo de alegría”. Nacho Mirás falou con voz entrecortada para todos os veciños e veciñas de Arzúa e falou tan bonito que a máis de un se lle asomaron as bágoas aos ollos.

Querido Nacho, descansa en paz.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email