O alcalde, José Luis García, deu a coñecer unhas actuacións que responden “aos intereses e peticións efectuadas polos veciños e veciñas de Arzúa”
Nos vindeiros días o goberno municipal do BNG de Arzúa procederá á adxudicación das actuacións que se contrataron dentro do denominado Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal 2012 que promove a Deputación Provincial da Coruña.
Un total de 298.701 euros serán os que o concello de Arzúa destine ao adecentamento e mellora de diversos núcleos rurais así como ao saneamento e arranxo de camiños e pistas que presentan un maior deterioro. Trátase de actuacións, sinala José Luis García, “moi importantes xa que van contribuir a mellorar a calidade de vida dos veciños das nosas parroquias” e engadiu ademais que “a boa xestión municipal vai permitir que se vexan beneficiados por estas actuacións un número importante de veciños xa que as obras levaranse a cabo en diversas parroquias tratando de atender, na medida do posible, as necesidades máis apremiantes e aquelas que presentan maior urxencia”.
Dentro das actuacións que beneficiarán aos veciños de Arzúa atópase a pavimentación do contorno da igrexa de Burres onde se procederá ao enlosado de pedra, tamén está previsto o acondicionamento dun camiño no lugar de Preguntoño. As obras contemplan ademais a mellora dos núcleos de Barros e Magolán na parroquia de Lema. Os veciños de Pantiñobre tamén se verán beneficiados co adecentamento do camiño que vai dende A Riba ao Rial. Estas actuacións contan cun orzamento de 90.555,68 euros.
Segundo explicou o alcalde vaise proceder tamén ao acondicionamento do camiño do Río Vello, esta actuación permitirá atender unha vella demanda dos veciños desta zona que en numerosas ocasións teñen demandado o adecentamento deste vial; a actuación prevista contempla a construcción de beirarrúas así como unha capa de aglomerado en toda a plataforma; tamén está prevista a construcción dos correspondentes pozos de rexistro para a recollida de pluviais e a instalación do alumeado.
No mesmo proxecto contémplase a mellora do camiño que vai dende o lugar de Fontelas, na parroquia de Burres, a Ponte Ladrón. Estas dúas actuacións contan cun orzamento total de 82.500 euros.
O goberno que preside José Luis García tamén ten previsto actuacións nas parroquias de Brandeso, A Castañeda e Oíns. Nesta última vaise proceder á pavimentación do núcleo de Seixas; na Castañeda acondicionarase un camiño no lugar de Río e en Brandeso mellorarase un camiño no núcleo de Cimadevila. O orzamento total destas actuacións ascende a 77.030 euros.
O saneamento na parroquia de Boente completa o elenco de actuacións incluídas para a súa execución dentro do denominado POS 2012, a obra que conta cun orzamento de 48.615 euros permitirá que os veciños e veciñas desta parroquia conten, definitivamente, cun servizo básico polo que levaban agardando dende hai tempo.
O Alcalde de Arzúa, José Luis García, pretende así ir dando resposta a todas as demandas dos veciños e veciñas e agarda “nas vindeiras datas facer realidade outras peticións veciñais que responden ao interese colectivo”. Así mesmo quixo sinalar e agradecer “a boa disposición de todos os grupos políticos que, priorizando sempre as actuacións máis necesarias, faremos posible que as obras poidan ser unha realidade en breve”.