Xoán Xesús Carril Ramos
Alcalde de Arzúa
Prezadas veciñas e veciños,
Quero darvos a benvida a esta porta aberta á veciñanza que debe ser a páxina web do Concello de Arzúa. Achegar ás veciñas e veciños á xestión diaria da administración local e garantir o benestar de todas e todos, ese é obxectivo que guía a actividade política e a xestión do goberno municipal que teño a honra e a enorme responsabilidade de liderar.
Arzúa é un Concello con enormes potencialidades, temos por diante a oportunidade de poñelas en valor, volvendo converter este Concello nun referente en calidade de vida, en políticas de desenvolvemento económico e proxectos de dinamización rural. Tamén coidando o medio ambiente e coa valorización da lingua galega e da nosa historia, cultura e tradicións.
Esta páxina Web oficial do Concello de Arzúa é un valioso instrumento informativo que queremos que sirva para potenciar a participación e a transparencia respecto dos diferentes ámbitos da vida municipal. A posibilidade de acceso á información e comunicación así como a potencialidade de divulgación da nosa realidade e actividade municipal son un novo reto que adquirimos para completar as canles de comunicación tradicionais.
Sede benvidas e benvidos á páxina do Concello de Arzúa. Convidámosvos a empregar todos os servizos que ofrece e as novidades que desde este novo goberno municipal iremos implementando. E, por suposto, non dubidedes en trasladarnos todas as suxestións e opinións que consideredes.
Estamos, sempre, ao voso dispor e ao servizo do pobo de Arzúa.
Recibide unha afectuosa aperta!