Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programación cultural Verán: Setembro 2021

 

Programación cultural Verán: Setembro 2021

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza para o mes de setembro un amplo programa de actividades, dentro da programación de verán que chega ao seu fin con propostas musicais, artísticas, audiovisuais e de artes escénicas ao longo das vindeiras semanas.

A programación abrirase mañá, venres día 3, coa proxección do documental Cesteiros de Mondariz na Capela da Madanela ás 20:00h. O documental, enmarcado nun proxecto de recuperación do oficio tradicional de cesteiro/a en Mondariz, está producido pola compañía EscénaTe e conta con recoñecidos cineastas galegos no seu equipo artístico, como o director Fon Cortizo e o guionista Alexandre Cancelo.
A historia do último mestre cesteiro de Mondariz, Enrique Táboas, serve de fío para tecer narrativamente a memoria colectiva do oficio e os aspectos culturais que o rodeaban. Despois da súa estrea oficial no Concello de Mondariz o pasado 30 de xullo, o documental iniciou o 20 de agosto unha xira por diferentes roteiros xacobeos que chega mañá a Arzúa.

O venres 10 levarase a cabo unha nova edición de Arte na rúa cunha intervención a cargo de varios artistas na contorna da Rúa Cima do Lugar e da Praza de Galiza durante a mañá. As obras creadas nesta xornada serán expostas nunha mostra que se inaugurará o mesmo día ás 19:00h e estará aberta do 13 ao 24 en horario de 19:00 a 20:30h na Capela da Madanela.

O teatro para público infantil e familiar terá unha forte presenza este mes coa posta en escena de dúas funcións. O sábado 11 representarase o espectáculo A máquina do tempo de Teatro Ghazafelhos no Multiusos Terra do Queixo ás 18:00h, unha actuación incluída no programa autonómico de dinzamación lingüística FalaRedes.

Por outra banda, o sábado 25, volta a Arzúa o programa Camiño Escena Norte que trae este ano ao noso concello a compañía cántabra La Machina Teatro que representará Olivia y las plumas na Capela da Madanela ás 18:00h. Paralelamente a propia compañía realizará pola mañá na biblioteca municipal un obradoiro de ilustración do que pronto se dará máis información.

Para completar a programación, a acordeonista Maria Mogas ofrecerá un concerto baixo o título Vertixe sonora o venres 24 na Madanela ás 18:00h.

A Concelleira de Cultura, Aurora Varela, anima “a participar nas actividades deseñadas para todos os públicos das que destaca a súa variedade e o traballo do seu departamento para dar acollida na nosa vila a diversos programas que dinamizan a vida cultural do municipio”.

PROGRAMACIÓN:
Venres 3. Proxección documental «Cesteiros de Mondariz». Capela da Madanela | 20:00

Venres 10. Arte na rúa (intervención artística colectiva ao aire libre). Rúa Cima do Lugar e Praza de Galiza | 10:30-13:30
*Inauguración da exposición das obras creadas ás 19:00

Sábado 11. Espectáculo familiar «A máquina do tempo» de Teatro Ghazafelhos (Programa Falaredes). Multiusos Terra do Queixo | 18:00

Do 13 ao 24. Exposición Arte na rúa
Capela da Madanela | 19:00-20:30 (de luns a venres)

Venres 24. Actuación musical “Vertixe Sonora” a cargo de María Mogas (acordeón). Capela da Madanela | 18:00

Sábado 25. Programa Camiño Escena Norte: Compañía La Machina Teatro (Cantabria) con “Olivia y las plumas” (teatro infantil e familiar). Capela da Madanela | 18:00

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email