Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Programación cultural de Nadal 2021-2022

Programación cultural de Nadal 2021-2022
O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa presenta a programación de Nadal 2021-2022.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa xa ten preparada a programación de Nadal 2021-2022 que dará comezo o mércores, día 8, coa celebración do noveno Día do Comercio Local.

As actividades terán continuidade co que se presenta como novidade no programa de actos deste ano. Trátase do ciclo de música para público adulto Nadal Sonoro que ofrecerá tres concertos na Capela da Madanela ás 21:00. O xoves 16 actuará o dúo formado por Cristian Leggiero e Paty Lesta cun recital homenaxe á música galega con temas clásicos adaptados a voz e piano. O xoves 23 será a quenda para o trío Jazztá e o 30 de decembro para a solista Su Garrido Pombo.

O venres 17 ás 21:00 levarase a cabo tamén na Capela da Madanela a proxección da curtametraxe The Monkey dirixida por Xosé Zapata e Lorenzo Degl´Innocenti e que recentemente acadou a candidatura á mellor curta de animación na 36ª edición dos premios Goya. Nese mesmo día tamén terá lugar a votación popular do Concurso de carteis anunciadores da 47 Festa do Queixo en horario de 12:00 a 14:00 e de 18:30 a 20:30. As propostas presentadas a este concurso poderanse ver na Madanela do 20 ao 23 de decembro e os días 3 e 4 de xaneiro de 18:30 a 20:30.

O mércores 22, coincidindo coa feira quincenal coñecida neste caso como Feira de Nadal, farase o tradicional reparto dos calendarios 2022 elaborados polo Concello para agasallar á veciñanza e tamén se celebrará a Ruada do Apalpador coa visita deste acompañado de música tradicional en directo. Ambas iniciativas arrincarán ás 12:00 do mediodía na entrada do Multiusos Terra do Queixo.

A partir do luns 27 de decembro a programación céntrase especialmente no público infantil e familiar con varios espectáculos no Multiusos Terra do Queixo ás 18:00. O día 27 actuará o Trío Detrés cun espectáculo musical e cómico titulado Máis ritmo, o martes 28 representarase o contacontos Contos para caghar patatillas de Brais das Hortas e o mércores 29 será a quenda para a maxia a cargo de O mago Paco e a función titulada Hocus Pocus. Por último, os días 3 e 4 de xaneiro o Multiusos acollerá un parque de inchables e xogos en horario de 16:00 a 20:00.

A programación de Nadal pecharase coa Cabalgata de Reis que recuperará o seu formato tradicional percorrendo as rúas da vila, sempre que a pandemia o permita e mantendo todas as medidas de seguridade e protección. Os Reis Magos realizarán o clásico percorrido dende a Casa da Cultura ata o Multiusos Terra do Queixo, acompañados de animación, agasallos e moitas novidades. A saída da comitiva será ás 17:30 e rematará coa recepción a todas as nenas e nenos por parte das Súas Maxestades.

A Concelleira de Cultura, Aurora Varela, convida a toda a veciñanza e visitantes a desfrutar desta programación que se presenta como “un amplo e variado abano de posibilidades para o tempo de lecer durante o Nadal con propostas para todos os públicos”.

PROGRAMACIÓN:

MÉRCORES 8 DE DECEMBRO
DÍA DO COMERCIO LOCAL: promocións, ruta de tapas, animación de rúa, música…
Máis información na cartelería específica deste evento

XOVES 16 DE DECEMBRO
CICLO NADAL SONORO: Concerto de Cristian Leggiero & Paty Lesta (homenaxe á música galega)
Capela da Madanela | 21:00

VENRES 17 DE DECEMBRO
VOTACIÓN POPULAR: Concurso de carteis da 47ª Festa do Queixo
Capela da Madanela | 12:00-14:00 e 18:30-20:30

VENRES 17 DE DECEMBRO
PROXECCIÓN: Curtametraxe “The Monkey”
Capela da Madanela | 21:00

DO 20 AO 23 DE DECEMBRO E 3 E 4 DE XANEIRO
EXPOSICIÓN: Concurso de carteis da 47ª Festa do Queixo
Capela da Madanela | 18:30-20:30

MÉRCORES 22 DE DECEMBRO
FEIRA DE NADAL: Reparto gratuíto do Calendario 2022 e Ruada do Apalpador
Multiusos Terra do Queixo | 12:00

XOVES 23 DE DECEMBRO
CICLO NADAL SONORO: Concerto de Jazztá
Capela da Madanela | 21:00

LUNS 27 DE DECEMBRO
MÚSICA: Espectáculo familiar “Máis ritmo” de Trío Detrés
Multiusos Terra do Queixo | 18:00

MARTES 28 DE DECEMBRO
CONTACONTOS: “Contos para caghar patatillas” de Brais das Hortas
Multiusos Terra do Queixo | 18:00

MÉRCORES 29 DE DECEMBRO
MAXIA: Espectáculo “Hocus Pocus” de O Mago Paco
Multiusos Terra do Queixo | 18:00

XOVES 30 DE DECEMBRO
CICLO NADAL SONORO: Concerto de Su Garrido Pombo
Capela da Madanela | 21:00

DÍAS 3 E 4 DE XANEIRO
PARQUE DE INCHABLES E XOGOS
Multiusos Terra do Queixo | 16:00-20:00

MARTES 5 DE XANEIRO
CABALGATA DE REIS
Multiusos Terra do Queixo e rúas | 17:30

• Garantiranse as medidas vixentes de hixiene e protección.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email