Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Programa Espazos das Familias 2016-2017

Arzúa seguirá acollendo as sesións didácticas baseadas na labor de Preescolar na casa

A Asociación Socio-Educativa Antonio Gandoy abre o prazo de inscrición para participar dende finais de setembro nas clases dirixidas ás familias con menores de 0 a 3 anos e para futuros pais e nais.

O Concello de Arzúa ten previsto acoller a partir do 20 de setembro o labor educativo, lúdico e didáctico  infantil e familiar desenvolvido pola asociación Antonio Gandoy para un novo curso. Dita asociación ten como misión principal preservar, difundir e dar continuidade ao labor socioeducativo desenvolvido por Preescolar na casa.

O programa chamado Espazos das Familias constitúe un lugar e un tempo de encontro para a formación de nais e pais con nenos e nenas de 0 a 3 anos e tamén de futuros pais e nais.

Os profesionais da Asociación Socio-educativa Antonio Gandoy (mestres, pedagogos e psicólogos con ampla traxectoria educativa en Preescolar na Casa) deseñan actividades dirixidas a reforzar as competencias parentais, así como a dar resposta ás diferentes necesidades das nenas e dos nenos.

O lugar no que se desenvolverá o programa será a Aula multifunción (coñecida como Ludoteca) situada na planta baixa do edificio sociocultural María Mariño, ao carón do Club de Xubilados. As sesións, cunha periodicidade semanal, desenvolveranse nas mañás dos martes e nas tardes dos xoves e serán dunha hora e media de duración. A continuación destas sesións, as familias disporán dun tempo individual para aclarar dúbidas mediante unha titoría concertada.

Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar desta iniciativa ou que precisen resolver calquera dúbida pódense poñer en contacto co teléfono 686 446 838 ou asistir a unha reunión o martes, 20 de setembro, ás 11:00 horas no lugar indicado. O prezo para participar no Espazo das familias de Arzúa será de 15 euros mensuais por familia, cuota reducida grazas á colaboración do Concello.

 

 

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Sede Electrónica
Perfil do Contratante
Portal de Transparencia