O Departamento de Cultura informa que o Concello de Arzúa mantén o programa de excursións Coñece o teu país para este verán. A boa acollida que tiveron as viaxes programadas dende a Concellaría nas pasadas edicións animou aos responsables a darlle continuidade con novas visitas a diferentes lugares da xeografía galega ao longo dos meses estivais, de xuño a setembro.
Así, de maneira totalmente gratuíta, os veciños e veciñas poderán realizar catro novas excursións ás catro provincias galegas. As datas nas que se levarán a cabo serán as seguintes:
- Sábado 22 de xuño á provincia da Coruña, en concreto ao municipio de Dumbría. Nesta xornada poderase coñecer máis de preto a fervenza do Ézaro, moi coñecida porque o sue río, o Xallas, é o único de Europa que desemboca deste xeito directamente sobre o mar, e neste caso, sobre o Océano Atlántico. Nesta xornada tamén haberá tempo a visitar o Museo da Electricidade e a darse un baño nunha das praias da localidade.
- Sábado 27 de xullo ao concello de Cervo na provincia lucense.
- Sábado 31 de agosto saída á provincia de Pontevedra para coñecer o municipio de Barro.
- Sábado 28 de setembro: visita á comarca de Monterrei (Ourense).
Segundo se indica dende o Departamento de Cultura, todas as persoas interesadas en participar no programa deben achegarse persoalmente ao Departamento de Cultura, podendo anotar como máximo a un acompañante por cada solicitante. As prazas dispoñibles iranse cubrindo por orde de inscrición, sendo as mesmas limitadas.
Todas aquelas persoas que desexen apuntarse á primeira viaxe organizada para o vindeiro 22 de xuño a Dumbría, poden facelo a partir do vindeiro luns, 10 de xuño, no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa entre as 8:30 e as 15:00 horas.
Lembren que o a oficina do Departamento de Cultura está situada no edificio sociocultural María Mariño, na rúa Pai Pardo nº 33, no 1º andar (ao carón de Radio Arzúa).