Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Programa de Dinamización e Promoción ‘Ven ás feiras do 8 e 22’

Cartel Xeral Ven ás Feiras do 8 e 22 - Concello de Arzúa

Arzúa emprende unha campaña de dinamización das súas feiras tradicionais

O goberno municipal prepara un programa repleto de iniciativas para facer máis atractiva a feira que se vén celebrando na localidade os días 8 e 22 de cada mes desde tempos inmemoriais

O Concello de Arzúa vai poñer en marcha un plan de promoción e dinamización das feiras quincenais dos días oito e vinte e dous. O proxecto, que leva por nome ‘Ven ás feiras do 8 e 22’, dará comezo na segunda feira do mes de xuño coa realización de actividades de animación e coa defusión a través de diversos medios publicitarios co fin de reactivar estes mercados tradicionais e impulsar a economía local.

Este novo programa, enmarcado no Plan de Promoción e Dinamización das feiras do 8 e 22 de Arzúa, poñerá en valor o mercado tradicional que reúne durante todo o ano a veciños e veciñas e atrae a numerosos visitantes favorecendo ao tecido empresarial da vila.

Cada quince días Arzúa crea un escaparate comercial no recinto feiral Terra do Queixo, na explanada do Campo da Feira e nas rúas próximas a este cun centenar de postos variados no que se pode atopar desde froitas, verduras e produtos da zona, a roupa e calzado pasando por prantas e viveiros, apeiros de labranza, roupa e artigos para o fogar ou os tradicionais postos de polbo á feira.

O Concello de Arzúa promocionará as feiras a través de cartelería, folletos e outros soportes publicitarios nas inmediacións do propio recinto feiral. Tamén as difundirá na web municipal, radio local, redes sociais e prensa.

O obxectivo tamén é dinamizar a zona do mercado con actividades variadas que poidan atraer a máis público e lograr que as persoas que nos visiten permanezan durante máis tempo en Arzúa e aproveiten, como se pretende con este plan, para facer outras mercas e quedar a xantar. Durante os meses de verán as actividades centraranse na animación de rúa con música e animadores caracterizados que interactúen coa xente.

A primeira actividade terá lugar o vindeiro día 22 de xuño cun espectáculo itinerante titulado ‘Circo Victoriano’ a cargo de Barafunda Animación. Nesta primeira sesión aproveitarase para promocionar este novo programa entre o público.

No campo da dinamización, propoñeranse máis adiante actividades infantís, gastronómicas, sorteos, campañas de descontos, intervencións artísticas e concursos que impliquen ao público e aos vendedores.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, agarda que a iniciativa “teña unha repercusión positiva no noso comercio, que axude a dinamizalo e sexa un atractivo máis para visitarnos”.

Flyer actividades verán - Ven ás Feiras do 8 e 22 - Concello de Arzúa

 

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email
Sede Electrónica
Perfil do Contratante
Portal de Transparencia