Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Presentación en Arzúa do libro Unha matanza esquecida

Presentación en Arzúa do libro Unha matanza esquecida
O acto pechará a programación cultural de outubro organizada polo Departamento de Cultura do Concello de Arzúa.

Este sábado, 31 de outubro, a Capela da Madanela acollerá o acto de presentación do libro “Unha matanza esquecida” de Severino Fernández Abel. O acto forma parte do programa cultural “Outono a escena” que achega a Arzúa actuacións de música e teatro durante os meses de outubro e novembro.

O autor da publicación, natural da parroquia arzuá de Santo Estevo do Campo, mudou a residencia para Boqueixón sendo un neno, aínda que seguiu sempre moi vinculado a Arzúa.

É licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, chegando a exercer de profesor de Xeografía e Historia en varios centros educativos de Galicia. Participou activamente en numerosos coloquios e congresos de Xeografía e desde 1994 formou parte dun colectivo de profesores que en 1999 publicou o Proxecto Curricular e Unidades Didácticas de CCSS, Xeografía e Historia.

Implicado na vida social do seu entorno, durante anos recolleu datos xeográficos e históricos que culminaron coa elaboración e publicación do mapa do Concello de Boqueixón e a Historia da Corporación Municipal desde a fundación deste Concello. No 2006 publicou o traballo “O sistema foral en Galicia. Documentos e textos”. A mediados dos anos noventa do século pasado iniciou a recollida de información sobre unha historia de transmisión oral que rematou coa publicación do libro “Unha matanza esquecida” a finais do 2018.

Deste traballo presentará en Arzúa a súa segunda edicción nun acto que contará coa presenza de Ovidio Rodeiro, Deputado Autonómico, o escritor Xose Manuel Lobato e da Concelleira de Cultura de Arzúa, Aurora Varela.

A presentación comezará ás seis da tarde e a apertura de portas farase media hora antes. A entrada será libre ata completar aforo e cumpriranse os protocolos vixentes fronte á Covid-19.

Este acto pecha a programación do mes de outubro. “Outono a escena” continuará en novembro con teatro infantil, monólogos, conmemoración do Día da Infancia e outras propostas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email