Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Campo (San Estevo)

Extensión: 8’4 Km2

Poboación: 107

Núcleos máis importantes: Cincocalles, Denoi, Fucarelos, Gandarón, Goimil, Igrexa, Lameiro, Outeiro, Quintas, Samil, Toande.

Festas parroquiais: As festas da parroquia son o 26 e 27 de decembro. Tamén se celebra o Corpus. O día 21 de setembro celébrase a festa da Mota.

Ermida da Mota: A Ermida da Mota, datada no século XIX. Presenta un pórtico cuberto, no lado esquerdo, apoiado sobre columnas de cachotaría. Ao final deste, atópanse as dependencias para recoller as ofrendas dos devotos (que habitualmente é gando). A ermida nace pola devoción dos peregrinos, que pasaban aquí a súa última noite, antes de chegar a Compostela. Está dedicada aos apóstolos.

Hai moitas tradicións relacionadas coa Ermida da Mota. O santo de maior devoción é San Bartolomé, o protector das colleitas e do gando. A xente collía terra, «area do santo», do contorno da capela, para levala ás fincas, ou daban voltas ao santuario co gando, buscando a súa protección. Moitas das veces, os devotos deixaban ovellas, ou outros animais como ofrenda. Tamén hai a tradición de «Poñer o santo», que consiste en pasar unha imaxe pequena do santo por encima da cabeza e dos ombreiros; ou a de «Cortar o lobiño», para curar o bocio, que trata de que o fiel enfermo pase por debaixo do coitelo que ten o santo, dicindo:»Que che dea a sanidá e che quite a enfermedá pola virtú do santiño, amen». Esta frase repítese cando se «poñen o santo».

As festas da ermida son o 24 de agosto, o 21 de setembro e o 28 de outubro, dedicados a San Bartolomé, San Mateo e San Simón respectivamente.

Paseo de Carballos Da Mota.
O paseo de carballos da Mota foi realizado nos anos cincuenta do século XX. Un grupo de carballos alíñase ao longo da estrada, unindo os lugares da Igrexa co da Mota. No seu inicio hai outro camiño que leva ás Buratas (Boimorto).

Carballeira da Mota. Ao parecer, a carballeira da Mota xurdiu grazas á veciñanza. Así, dise que cando un pai non quería que o seu fillo fóra ao servizo militar, plantaba un carballo; se este prendía, significaba que non tería que ir.