Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

“Os mellores homes que podemos ser” titula unha campaña de concienciación en Arzúa contras as violencias machistas

Arzúa, 18 de novembro de 2022.- No marco do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, o Concello de Arzúa, a través do CIM, pon en marcha a campaña “Os mellores homes que podemos ser”, dirixida á poboación adolescente e adulta, e especialmente aos homes e ao seu papel na loita contra as violencias machistas.

Os mellores homes que podemos ser apela á imprescindible concienciación e implicación dos homes, fomentando a construción de masculinidades que aboguen por eliminar calquera forma de discriminación e violencia contra as mulleres no seu entorno e na sociedade.

Xogando cos Reels de redes sociais, moi de moda na poboación, a campaña anima á poboación masculina a verse reflectida nun modelo positivo de masculinidade, tratando así de xerar un pensamento preventivo e crítico fronte ás violencias machistas.

Paralelamente á campaña, que se desenvolverá entre o 20 e o 25 de novembro a través das redes sociais, aínda que terá continuidade nos próximos meses, o Centro de Información ás Mulleres programou diversas actividades en conmemoración do 25 de novembro.

A programación comezou a semana pasada cun curso de defensa persoal e autocapacidades no que 18 mulleres de todas as idades aprenderon a crear protocolos de actuación cara diversas situacións.

As actividades continuarán a próxima semana, na que se contará co obradoiro “Fagamos un bo trato” sobre autocoñecemento e autocuidado dirixido a mulleres migrantes, onde se abordarán temas referentes ás relacións de parella, os mandatos culturais e a sexualidade entendida dun modo amplo.

A programación de actividades polo 25N será levada tamén aos centros educativos. Na EFA Piñeiral realizarase unha charla-coloquio sobre submisión química, impartido por Movimiento por la Paz e no IES Arzúa realizarase o obradoiro “StandUP contra o acoso na rúa”, impartido por Fundación Mujeres.

O obradoiro “StandUP contra o acoso na rúa”, que ten por obxectivo promover a intervención das persoas que presencian situacións de acoso na rúa e empoderar ás mulleres que sofren estas situacións proporcionándolles ferramentas para enfrontalo, se realizará tamén aberto a cidadanía o xoves 24 de novembro ás 16:00 na Aula Multuisos do Edificio Sociocultural María Mariño.

Por último, o 17 de decembro ás 18:00 na Capela da Madalena teremos o espectáculo teatral “Feminissimas”, da compañía De Ste Xeito Producciones. Esta actividade forma parte do II Circuíto de Cultura en Igualdade da Deputación da Coruña.

A web da campaña, www.osmelloreshomes.com, estará accesible a partir do próximo luns 20 de novembro.

“Os mellores homes que podemos ser” titula unha campaña de concienciación en Arzúa contras as violencias machistas

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email