Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Os 16 concellos de ‘Área Santiago’ asinan un convenio para a súa promoción turística conxunta

Os 16 concellos de Área Santiago asinan un convenio para a súa promoción turística conxunta

  • Área Santiago ten o obxectivo de promocionar dun modo conxunto os atractivos e recursos dos concellos da área de influencia de Santiago.
  • Os 16 concellos de Área Santiago, doce de A Coruña e catro de Pontevedra, suman unha poboación de máis de 200.000 persoas.

O Pazo de Raxoi acolleu o acto de sinatura dun convenio para a promoción turística conxunta dos concellos de Área Santiago. No acto participaron alcaldes e concelleiros dos 16 concellos do grupo: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Lalín, Melide, Padrón, Oroso, O Pino, Rois, Santiago de Compostela, Silleda, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces, que suman máis de 200.000 habitantes. Tamén participou o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, que comprometeu o apoio da institución aos proxectos que xurdan do Grupo.

Agustín Hernández destacou que coa sinatura deste convenio «culmina un traballo intenso e iníciase una nova etapa de cooperación e de colaboración institucional». Neste sentido, referiuse á unión dos concellos como o mellor instrumento para «aproveitar mellor as nosas posibilidades e crear un destino turístico único, cunha oferta ampla e diversa, que sume para o ben común o mellor de cada un dos nosos concellos».

Repasou o traballo realizado ao longo de 18 meses, en torno a un plan de acción con catro obxectivos: ampliar e mellorar a información turística dos 16 concellos; crear produtos que posicionen a Área Santiago como destino; aumentar o valor engadido da oferta turística existente; e incrementar o número de pernoctacións nos nosos concellos. Deste traballo xurdiron xa accións un mapa turístico da zona, unha web dos 16 concellos, unha campaña promocional no verán do 2013, a presentación do grupo en Fitur deste ano ou a organización dun concurso fotográfico neste verán.

O alcalde insistiu no compromiso co traballo conxunto e de colaboración plasmado neste convenio, convencido de que «esta experiencia vai ser moi beneficiosa para todos e confío en que sirva de espello para outras moitas facetas, do moito que se pode conseguir por esta vía». «Este convenio fortalece a suma de esforzos, a confianza e a aposta polo traballo conxunto que só pode comportar beneficios para os 16 concellos e seguro que tamén para o resto de Galicia», engadiu.

Área Santiago abarca o sur da provincia de A Coruña e o norte da de Pontevedra. É unha zona definida polo río Tambre e os seus afluentes, polo norte, e o sistema fluvial Ulla-Deza, polo sur, que son dúas das principais concas fluviais de Galicia, tanto polo seu caudal como pola súa riqueza faunística, florística, paisaxística e cultural.

Área Santiago nace como un destino turístico que conta con múltiples atractivos, destacando a gastronomía, o Camiño de Santiago, a natureza e o patrimonio cultural e arquitectónico. Ademais, o grupo conta cunha ampla e diversa oferta de aloxamento, na que se combina a oferta urbana de Santiago e a de turismo rural dos Concellos veciños.

O grupo Área Santiago comezou a súa andaina en marzo do 2013 cando, a proposta do Concello de Santiago, se reuniron varios concellos da área de influencia da capital de Galicia para estudar as posibilidades de promoción turística conxunta. En maio dese mesmo ano, tras varias reunións de intercambio de opinións, os concellos asinaron un protocolo de colaboración no ámbito turístico.

A sinatura do protocolo de colaboración permitiu que Área Santiago deseñase e desenvolvese un programa de accións conxuntas para o período 2013-2014, entre as que destacan: unha campaña de promoción do grupo no verán do 2013; a elaboración dunha web propia, con aplicacións móbiles e contas nas redes sociais; a elaboración dun mapa cos principais recursos e atractivos turísticos dos diferentes concellos; a presentación do grupo en Fitur; ou a organización dun concurso fotográfico en redes sociais neste verán.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email