Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa participa nun documental sobre a activista e intelectual galega María Miramontes

O Concello de Arzúa participa nun documental sobre a activista e intelectual galega María Miramontes

Baixo o título de “María Miramontes, tecedora dun país” agóchase un enorme traballo que retrata a unha muller galeguista, modista moderna, exiliada e longamente esquecida

O Concello de Arzúa participa e apoia o documental «María Miramontes, tecedora dun país» de Nós Televisión.
Cos testemuños, entre outros, da Concelleira de Cultura de Arzúa, Aurora Varela, do sobriño neto de Ánxel Casal, Encarna Otero e María Xosé Bravo, visibilízase a figura e a vida de María Miramontes que estivo próxima a ficar no esquecimento. A súa invisibilización ten dous motivos: ser muller e vítima da represión franquista. Filla de xornaleiros, comeza a traballar como costureira con só 11 anos na cidade da Coruña. Militará nas Irmandades da Fala e formará parte da súa xunta directiva. Nese ambiente activista coñecerá a Anxel Casal, o seu marido e compañeiro de loitas, co que decidirá instalarse en Santiago de Compostela unha vez sexa proclamada a República.
Modista reputada na sociedade santiaguesa, o seu traballo foi fundamental para o sostemento económico das diversas iniciativas editoriais e culturais do galeguismo: as Irmandades da Fala, as editoriais Lar e Nós e as Escolas do Insiño Galego. Xunto a outras militantes galeguistas, María vai participar activamente da criación do Partido Galeguista e da campaña a prol do Estatuto de Galiza.
Após o golpe de Estado e a detención e asasinato do seu home, Anxel Casal, María Miramontes vese obrigada a marchar para o exilio. Será en Buenos Aires onde falecerá o 17 de setembro de 1964.
Esta reportaxe conta coa colaboración da Deputación da Coruña e dos Concellos de Arzúa, Santiago de Compostela e Bergondo.
Pódese ver dende o pasado 1 de outubro, día da súa estrea, na canle de YouTube de Nós Televisión.

ENLACE AO DOCUMENTARIO: https://www.youtube.com/watch?v=12WNb2OsFIw

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email