Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O Concello de Arzúa confirma a participación de case 50 establecementos no Día do Comercio Local

Cartel Día do Comercio Local 2013 XERAL

O Concello de Arzúa continúa coa organización do Día do Comercio Local que se celebrará o vindeiro domingo 8 de decembro. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, a iniciativa conta con corenta e seis establecementos que se sumaron a este novo proxeto que impulsa o goberno municipal coa finalidade de promocionar o comercio, a hostalaría e os servizos do municipio.

Concretamente, anotáronse trinta e un locais comercias e quince hostaleiros. Durante esa xornada todos os veciños e visitantes poderán desfrutar de descontos de ata o 70%, sorteos, agasallos, ofertas especiais en establecementos de todo tipo como zapaterías, tendas de roupa, droguerías, librarías ou tendas de mobles, entre outros.

Ademais, paralelemente, a xornada inclúe unha ruta de tapas na que os bares e cafeterías inscritos ofrecerán de balde por cada consumición unha tapa, elaborada a base de receitas tradicionais como callos, cocido ou empanada e outras como filloas recheas de lacón e grelos, mexilóns en salsa americana ou xabaril con fabas.

Aproveitando a proximidade da campaña de Nadal e a feira quincenal, o Concello organiza varias actividades na rúa que se poderán desfrutar de xeito gratuíto dende as cinco ás sete da tarde, coincidindo así co horario acordado pola maioría dos participantes para abrir os comercios pola tarde, ademais de facelo durante a mañá.

Nestas dúas horas haberá instalada unha cancha de baloncesto inchable, dous carriños onde se repartirán palomitas e gofres gratis, un futbolín e un conecta 4 en grandes dimensións e música tradicional cun pasacalles a cargo do grupo ‘As Sobreiras do Ulla’.

Dende o Concello de Arzúa difundirase o evento nos vindeiros días con cartelería, programas de man e promoción a través dos medios, nas redes sociais,- onde o Día do Comercio Local ten unha conta en Facebook- e na web www.diadocomerciolocal.arzuacomercial.com que nas próximas horas disporá de información completamente actualizada.

O Alcalde do Concello de Arzúa, José Luís García, agradecía esta mañá “a resposta do sector comercial e hostaleiro do noso municipio a esta iniciativa que busca, fundamentalmente, colaborar na dinamización e promoción do noso comercio”, o alcalde anima ademais a todos os veciños e veciñas a que o vindeiro 8 de decembro “visiten os nosos comercios e fagan aquí as súas compras previas ao Nadal”.

Descargas asociadas:

Programa de man

Cartel

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email