Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

O alcalde de Arzúa acude ao Xacobeo na procura de axudas para acondicionar tramos do Camiño de Santiago danados polo temporal

O Alcalde de Arzúa, José Luis García, manterá un encontro  co xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Xunta de Galicia, José Paz Gestoso, coa  finalidade de abordar asuntos de interese para o municipio; un deles o estado de deterioro no que se encontran diversos tramos do Camiño de Santiago ao seu paso por Arzúa tralo temporal de choiva dos últimos días, incluída a ponte da parroquia de Boente, Punta Brea, en serio perigo de derrube e un segundo asunto non menos importante, a problemática que pode xurdir se, finalmente e como é previsible, o GRUMIR desaparece do municipio.

O alcalde de Arzúa desprazarase ata a cidade de Santiago, entre os asuntos a tratar, a case segura desaparición do GRUMIR, o alcalde irá acompañado dun informe  no que dará conta das labores que os efectivos deste servizo veñen efectuando ao respecto da asistencia aos peregríns, tan só en seis meses no pasado ano 2012 os quince efectivos do GRUMIR atenderon a un total de 5.071 peregríns, que foron os que pernoctaron nos pavillóns que o concello habilita cada ano para esta finalidade. As cifras serían aínda moito máis considerables se temos en conta aqueles outros peregríns que non pernoctan en Arzúa pero si requiren doutro tipo de asistencia ou información; cómpre non esquecer que Arzúa é a última parada importante antes de chegar a Compostela e neste municipio conflúen 3 das máis importantes rutas do Camiño de Santiago: o primitivo, o do Norte e, sobre todo, o Camiño Francés. Se finalmente o servizo do GRUMIR desaparece de Arzúa a problema que xurde é o de saber qué persoal se vai encargar de prestar esta asistencia aos milleiros de peregríns que cada ano pasan por este municipio.

José Luis García agarda que dende o Xacobeo se teña en conta esta situación e se estudien posibles alternativas para darlle unha solución, en vista de que ante a proximidade da primavera e o verán a afluencia de peregríns será masiva.

Por outra banda, o alcalde abordará tamén na reunión o mal estado no que se atopan algún tramos do Camiño de Santiago tralo temporal de choiva das últimas datas que ten causado graves destrozos no municipio, é de salientar o perigo de derrube dunha ponte na parroquia de Boente, núcleo importante do Camiño Francés ao seu paso por Arzúa; José Luis García aportará documentación na que se deixe constancia da situación á espera de que dende a Xunta de Galicia analicen a problemática e conxuntamente se lle poida buscar unha solución.

José Luis García sinalaba esta mañá que agarda “un compromiso en serio do goberno galego para poñer solución a esta problemática que se debe abordar coa maior prontitude para evitar que se produzan situacións indesexadas” e indicaba ademais que dende o goberno local “faremos canto sexa necesario e posible por arranxar os destrozos causados polo temporal para que os nosos veciños poidan recuperar a normalidade no desenvolvemento das súas tarefas diarias” e matizaba “para isto é necesaria, imprescindible e fundamental a axuda económica doutras administracións como así se demostrou noutras ocasións cando en anos anteriores os temporais teñen causado danos similares e se tardaron meses en darlle solución”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email