Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Música, baile tradicional, artesanía e contacontos para celebrar as Letras Galegas en Arzúa

As propostas centradas na conmemoración das Letras Galegas están encadradas na programación Primavera de Cultura.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa desenvolvendo as actividades da programación Primavera de Cultura que neste mes de maio honra ás Letras Galegas.
O venres, 17 de maio, contarase cun roteiro musical a cargo do Grupo de Música e Baile Tradicional O Bringuelo que partirá ás 18:00h da Praza de Galiza pasando polo Parque Infantil, contorna da Capela da Madanela e Prazoleta da Rúa das Dores para rematar de novo na Praza de Galiza con actuacións de música e baile en todas as paradas mencionadas nun percorrido que terá dúas horas de duración, aproximadamente. En caso de mal tempo, todas as actuacións pasarán a celebrarse no Multiusos Terra do Queixo a partir das seis da tarde.
Ademais, para o sábado 18, está prevista a celebración dun contacontos infantil na Biblioteca Pública Municipal Rosalía de Castro ás 12:00h. A compañía Xarope Tulú escenificará o seu último espectáculo titulado Cardume que combina a narración oral coa música en vivo. En escena, unha narradora e un músico achégannos historias onde as personaxes levan a diversidade como bandeira. A través dos obxectos e melodías iremos descubrindo un mundo onde todas e todos sumamos.
Por último, dentro da axenda cultural, tamén se poderá visitar a exposición do XII Certame de Artesanía Antonio Fraguas Fraguas que permanecerá na Capela da Madanela ata o 27 deste mes en horario de 18:30 a 20:30 de luns a venres.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email