Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Entroido Virtual 2021

Entroido Virtual 2021

Arzúa organiza un entroido virtual con actividades nas redes para todos os públicos.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa organiza unha programación de actividades virtuais para conmemorar as datas centrais do Entroido.
Debido á situación actual de pandemia provocada polo Covid-19, dando cumprimento das medidas establecidas pola Xunta de Galicia e priorizando a saúde pública, deseñouse un programa de propostas a través da rede dirixidas a todos os públicos.
A actividade que abrirá a programación realizarase o venres, día 12 de febreiro, para alumnado da ESO de Arzúa. Trátase da proxección do documental Entroidar, unha longametraxe que nace da paixón polo entroido rural galego, a súa contorna e tradicións. Tras unha intensa labor de investigación para descubrir a verdadeira orixe do Entroido, poderemos coñecer todo o que envolve as súas xentes e como son os meses previos de preparación para esta grande celebración ritual, ancestral e auténtica.
Ese mesmo día, en horario de catro a sete da tarde os estudos de Radio Arzúa acollerán un programa especial titulado Radio Entroido conducido por Fran Cañotas e DJ Zas con música, entrevistas, moito humor e participación do público. Poderase escoitar a través da emisora municipal e da páxina de Facebook do Departamento de Cultura.
Na xornada do domingo 14 os máis pequenos da casa poderán desfrutar dun contacontos virtual baixo o título “Contos entroideiros para comer orellas” a cargo da compañía A Trastenda dos Contos. Terá lugar ás seis da tarde a través de Facebook.
Por último, o martes 16 celebrarase unha demostra de regueifa facendo un repaso da actualidade con moito humor e retranca a cargo de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira da Asociación Oral de Galicia. Tamén será ás seis da tarde a través da páxina de Facebook do Departamento de Cultura.
Estas actividades foron adaptadas á realidade actual e deseñadas para manter o espírito do Entroido desde as nosas casas.

PROGRAMACIÓN:
Venres 12 de febreiro. PROXECCIÓN DO DOCUMENTAL “ENTROIDAR”
12:30 | Actividade para alumnado de secundaria de Arzúa

Venres 12 de febreiro. RADIO ENTROIDO
Programa especial de radio con Cañotas e Zas para todos os públicos. Interactúa desde casa enviando saúdos ou pedindo cancións.
16:00-19:00 | En directo a través de Radio Arzúa (107.4 FM) e facebook.com/culturaconcelloarzua

Domingo 14 de febreiro. CONTACONTOS INFANTIL
Espectáculo “Contos entroideiros para comer orellas” a cargo de A Trastenda dos Contos.
18:00 | A través de facebook.com/culturaconcelloarzua

Martes 16 de febreiro. DEMOSTRACIÓN DE REGUEIFA
Repaso da actualidade con moito humor e retranca a cargo de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira (Asociación Oral de Galicia).
18:00 | A través de facebook.com/culturaconcelloarzua

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email