Arzúa é terra do queixo destino verde de Galicia paso dos peregrin@s

Ciclo de música na rúa ‘En aberto’

Ciclo de música na rúa ‘En aberto’

Falúa, Rondalla Moraima, Natasia Zürcher e A Banda da Loba compoñen o cartel desta edición.

Martes, 28 de xullo do 2020. O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa pon en marcha a quinta edición do programa de concertos ao aire libre que encherá de música e cultura a Praza de Galiza dentro da programación que o servizo municipal ten preparada para este verán.

Os días escollidos para levar a cabo os recitais musicais son os xoves 30 de xullo e 6, 20 e 27 de agosto.

A primeira proposta musical que inicará este ciclo titulado En aberto terá lugar o vindeiro xoves, día 30 de xullo, e virá da man de Falúa. Este dúo composto por Sara de Sousa na voz e Gom de Abadim na guitarra acústica, integra no seu repertorio un percorrido polos sons galegos, portugueses e brasileiros. O folk e o fado mistúranse creando así o estilo que dá unha nova luz a temas que forman parte da historia musical lusófona.

O xoves 6 de agosto a quenda será para a Rondalla Moraima que continúa celebrando os seus 20 anos de vida. A formación local conta actualmente con once músicos que empregan nos seus recitais guitarras, laúdes, bandurrias, violoncello, pandeiro e voz. Neste certame relaizarán un concerto a base de boleros e rancheiras.

A cantante e compositora galego-suíza Nastasia Zürcher levará a cabo o seu concerto en formato dúo o xoves 20 no que presentará o seu segundo traballo discográfico, Beat. Natasia, galardoada cun Galician Music Award na categoría de música negra nos Premios Martín Códax, interpretará en Arzúa temas de onda moderna e groove que flúe por estilos coma o neo-soul, o R&B contemporáneo e as chamadas músicas do mundo.

Por último, o xoves 27 de agosto, pechará o ciclo de música na rúa En aberto o grupo feminino A Banda da Loba, integrado por cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar voz a este novo proxecto cun repertorio propio baseado tanto en letras da súa autoría como en musicalizacións de poetas célebres e de escritoras contemporáneas. Todo isto, baixo un estilo que bebe do rock, do pop e do folk. Agora presentan o seu segundo traballo, Fábrica de luz.

Todos os concertos serán ás nove da noite, gratuítos e celebraranse na Praza de Galiza con todas as medidas necesarias para cumprir os protocolos anti Covid-19.

 

PROGRAMACIÓN:

Xoves 30 de xullo. Ciclo de música na rúa “En Aberto”: Falúa. Praza de Galiza | 21:00 (En caso de mal tempo: Multiusos Terra do Queixo)

Xoves 6 de agosto. Ciclo de música na rúa “En Aberto”: Rondalla Moraima. Praza de Galiza | 21:00 (En caso de mal tempo: Multiusos Terra do Queixo) 

Xoves 20 de agosto. Ciclo de música na rúa “En Aberto”: Nastasia Zürcher (dúo). Praza de Galiza | 21:00 (En caso de mal tempo: Multiusos Terra do Queixo) 

Xoves 27 de agosto. Ciclo de música na rúa “En Aberto”: A banda da Loba. Praza de Galiza | 21:00 (En caso de mal tempo: Multiusos Terra do Queixo)

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email