Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

ARZÚA PRESENTA O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

ARZÚA PRESENTA O PROGRAMA DE ACTIVIDADES DO SERVIZO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Cursos, obradoiros e outras actividades dirixidas á xente moza, profesionais da hostalaría e o comercio local.

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa inaugura na última semana de setembro un programa de cursos, obradoiros e outras actividades que teñen por obxectivo fomentar o galego en eidos como as redes sociais, a hostalaría, as artes urbanas ou o deporte.
Entre os cursos ofertados encóntrase un Curso de Redes Sociais para o comercio local, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de setembro en horario de 21.00 a 22.30 h. Aproveitar as vantaxes que nos ofrecen as novas tecnoloxías e aprender algunhas técnicas para estar, e estar ben, nas redes sociais, son algúns dos obxectivos deste curso impartido polo Instituto de Medios Sociales. Para os profesionais da hostalaría está pensado o Curso cata de viños galegos, que se celebrará o 8 e 9 de outubro de 17.00 a 19.00 h. Os profesionais da Asociación Galega de Viticultura achégannos a través dunha charla e unha cata comentada as distintas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas do noso país.
Ambos os cursos contan con prazas limitadas e precisan de inscrición previa. Abrirase tamén unha listaxe de agarda para outras persoas interesadas, que poderán asistir de quedaren prazas vacantes.
Ademais, o deporte e as artes urbanas son tamén protagonistas desta nova programación do SNL. O 27 de setembro ás 17.00 h o Pavillón Municipal do Viso acollerá a Xincana Lingua Forza 3, unha proba que conxuga destreza física e lingüística dirixida á rapazada de 6 a 12 anos. Esta actividade ten prazas limitadas e precisa de inscrición previa.
O deporte sobre rodas será o protagonista da tarde do 28 de setembro. De 16.00 a 20.00 h o Recinto Feiral da vila contará cun Parque móbil de skateboard para uso libre de afeccionados a partir de 10 anos. Ademais, rapaces e rapazas a partir de 8 anos poderán aprender algunhas técnicas do patinete nun Obradoiro de Skateboard.
E seguindo coas artes urbanas, e enmarcadas entre as actividades da Feira Ecolóxica que acollerá a vila durante a fin de semana, o 29 de setembro ás 11.00 h terá lugar unha Exhibición de Graffiti da man dos artistas de Vella Escola, e ás 17.00 h un Obradoiro de Graffiti para rapazas e rapaces a partir de 10 anos. Este obradoiro conta con prazas limitadas e precisa de inscrición previa. Finalmente, o 30 de setembro ás 17.00 h terá lugar no Campo da Feira un Obradoiro de Slackline para a rapazas e rapaces a partir de 10 anos.

As inscricións para os cursos e obradoiros que o precisan faranse no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa (Casa do Concello, 2º andar) ou a través do teléfono 981 500 000 (Ext. 119) en horario de 9.00 a 14.00 h.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email