Este domingo, 4 de decembro, o Outono Cultural da Deputación da Coruña chega á Casa de Cultura de Arzúa para representar ás 18.00 horas a Gala da Irmandade. A proposta xira nunha equilibrada mestura de coñecemento sobre as Irmandades, a música, a maxia, o humor e a presenza de artistas de primeira fila. Baseada na concepción ideolóxica das Irmandades, preténdese transmitir esa marabillosa unión, forza e sinerxía que supuxeron para o país unindo os e as artistas máis destacados de diferentes artes e disciplinas até a contemporaneidade.
A gala contará coas actuacións de Maquinaria Pesada, a compañía de Isabel Risco, Os Quinquilláns, música ao vivo da man de Caxade, a maxia do Mago Teto, o humor de Luis Iglesia e Xabier Deive, a simbiose de ópera e danza de Mónica de Nut e Anxela Blanco. En representación local actuará a Rondalla Moraima.
As entradas pódense recoller desde unha hora antes do inicio da gala (17:00h) ou reservar con antelación contactando co Departamento de Cultura no teléfono 981 500 222 ou no correo electrónico cultura@arzua.gal facilitando nome, apelidos, DNI e nº de teléfono. Cada persoa pode reservar un máximo de dous tickets.
A entrada é de balde e o aforo limitado.
O resto da programación do Nadal darase a coñecer este venres.