Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa destina 300.000 euros ao acondicionamento de núcleos e camiños rurais

Arzúa destina 300.000 euros ao acondicionamento de núcleos e camiños rurais  

O alcalde, José Luis García, deu a coñecer unhas actuacións que responden “aos intereses e peticións efectuadas polos veciños e veciñas de Arzúa”

Nos vindeiros días o goberno municipal do BNG de Arzúa procederá á adxudicación das actuacións que se contrataron dentro do denominado Plan Provincial de Cooperación ás obras e servizos de competencia municipal 2012 que promove a Deputación Provincial da Coruña.

Un total de 298.701 euros  serán os que o concello de Arzúa destine ao adecentamento e mellora de diversos núcleos rurais así como ao saneamento e  arranxo de camiños e pistas que presentan un maior deterioro. Trátase de actuacións, sinala José Luis García, “moi importantes xa que van contribuir a mellorar a calidade de vida dos veciños das nosas parroquias” e engadiu ademais que “a boa xestión municipal vai permitir que se vexan beneficiados por estas actuacións un número importante de veciños xa que as obras levaranse a cabo en diversas parroquias tratando de atender, na medida do posible, as necesidades máis apremiantes e aquelas que presentan maior urxencia”.

Dentro das actuacións que beneficiarán aos veciños de Arzúa atópase a pavimentación do contorno da igrexa de Burres onde se procederá ao enlosado de pedra, tamén está previsto o acondicionamento dun camiño no lugar de Preguntoño. As obras contemplan ademais a mellora dos núcleos de Barros e Magolán na parroquia de Lema. Os veciños de Pantiñobre tamén se verán beneficiados co adecentamento do camiño que vai dende  A Riba ao Rial. Estas actuacións contan cun orzamento de 90.555,68 euros.

Segundo explicou o alcalde vaise proceder tamén ao acondicionamento do camiño do Río Vello, esta actuación permitirá atender unha vella demanda dos veciños desta zona que en numerosas ocasións  teñen demandado o adecentamento deste vial; a actuación prevista contempla a construcción de beirarrúas  así como unha capa de aglomerado en toda a plataforma; tamén está prevista a construcción dos correspondentes pozos de rexistro para a recollida de pluviais  e a instalación do alumeado.

No mesmo proxecto contémplase  a mellora do camiño que vai dende o lugar de Fontelas, na parroquia de Burres, a Ponte Ladrón. Estas dúas actuacións contan cun orzamento total de 82.500 euros.

O goberno que preside José Luis García tamén ten previsto actuacións nas parroquias de Brandeso, A Castañeda e Oíns. Nesta última vaise proceder á pavimentación do núcleo de Seixas; na Castañeda acondicionarase un camiño no lugar de Río e en Brandeso mellorarase un camiño no núcleo de Cimadevila. O orzamento total destas actuacións ascende a 77.030 euros.

O saneamento na parroquia de Boente completa o elenco de actuacións incluídas para a súa execución dentro do denominado POS 2012, a obra que conta cun orzamento de  48.615 euros permitirá que os veciños e veciñas desta parroquia conten, definitivamente, cun servizo básico polo que levaban agardando dende hai tempo.

O Alcalde de Arzúa, José Luis García, pretende así ir dando resposta a todas as demandas dos veciños e veciñas e agarda “nas vindeiras datas facer realidade outras peticións veciñais que responden ao interese colectivo”. Así mesmo quixo sinalar e agradecer “a boa disposición de todos os grupos políticos que, priorizando sempre as actuacións máis necesarias, faremos posible que as obras poidan ser unha realidade en breve”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email