Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa destina 206.000 euros a melloras no rural

O Pleno do Concello de Arzúa vén de aprobar os proxectos que o goberno municipal decidiu incluir no programa subvencionado pola Deputación Provincial coñecido como DTC 93 e que permitirá o acondicionamento de diversos viais e a realización doutras obras no rural do Concello.

Deste xeito, o goberno municipal destinará 206.000 euros á mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas das nosas parroquias que serán os que se beneficien dun investimento que se materializará en diversas melloras que se concretan en 6 proxectos que se executarán na zona rural.

Repararase o pavimento de diversos camiños: o que vai dende a Riba a Abruñedo, en Viladavil; o que une o lugar do Outeiro con Bosende, da gasolinera á estrada de Gramil, en Dombodán; a estrada vella entre as parroquias de Boente e A Castañeda; o camiño do San Miguel (Maroxo), Masusao e Pastoriza e un camiño no lugar de Buxacos.

As actuacións, aprobadas co voto unánime e favorable de todas as formacións políticas da Corporación Municipal, inclúen tamén o revestimento da cuneta no Abruñedo (Sobrado-Viladavil), a pavimentación da Rúa da Feira (Sta. María), o acondicionamento do camiño interior en Gramil (Dombodán), a mellora do pavimento na Rúa da Calexa (núcleo urbano), a rehabilitación da escola de Pantiñobre e a reparación do pavimento das Rúas Fonte Fraga e San Salvador. O programa contempla, ademais, a mellora da rede de abastecemento de auga ao lugar do Outeiro.

As actuacións comezarán a executarse nas vindeiras datas, unha vez se proceda á súa contratación e posterior adxudicación.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, explicaba esta mañá que se trata de “importantes actuacións que responden a peticións dos nosos veciños e que contribuirán a mellorar a súa calidade de vida” e engadiu, así mesmo, que se tratan de atender “todas as solicitudes que nos chegan sempre priorizando aquelas que requiren maior urxencia e procurando administrar o presuposto dispoñible da maneira máis obxectiva posible”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email