Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

Arzúa coñece, da man do seu alcalde, as claves do Plan director do Camiño de Santiago

O alcalde de Arzúa, José Luis García, acudirá na tarde deste mércores a unha reunión, na cidade de Santiago, coa Directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

No encontro, que terá lugar ás cinco da tarde no edificio CES Galicia, darase a coñecer o Plan Director do Camiño de Santiago.

Este plan contempla a adopción dunha serie de medidas e iniciativas que permitirán conseguir un Camiño máis sostible e máis acolledor, sobre todo tras sumarse á lista do Patrimonio da Humanidade o Camiño do Norte e o Primitivo.

O plan director, cuxos detalles serán expostos esta tarde ao alcalde de Arzúa e aos demais rexedores dos concellos do Camiño de Santiago, establece como prioridade melloras no trazado, nas infraestructuras e na seguridade. Así mesmo, promocionará unha ruta cada ano e tratará de impulsar medidas que diversifiquen os fluxos de peregríns e especialicen as rutas.

Entre outros alicientes, o proxecto animará  á divulgación do Camiño de Santiago dende a infancia, tratando de transmitir aos nenos e nenas a importancia que ten a ruta dende todos os puntos de vista: coñecer a súa historia, os seus valores, a necesidade de conservar e protexer o seu patrimonio cultural e natural…

Contémplanse, tamén, no plan unha serie de medidas con todo o que deberá ter unha etapa: cada 20kms unha fonte de auga potable e unha área de descanso e papeleiras cada 15 kms. O acceso a internet impulsarase en todo o trazado, que contará ademais con asistencia sanitaria e posibilidade de adquirir material de primeiros auxilios. Inventariaranse todas as especies de flora e fauna.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, considera que “todas as iniciativas que impulsen o coidado e mellora do Camiño contarán sempre coa nosa colaboración e apoio, posto que dende o goberno municipal temos moi claro que a ruta xacobea é un dos nosos maiores patrimonios a todos os niveis e precisa de canto mimo e coidado se lle poida ofrecer”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email