Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

2º Ciclo de concertos «Nadal Sonoro»

Chega a Arzúa o segundo ciclo musical Nadal Sonoro con tres concertos na Capela da Madanela.

O Departamento de Cultura do Concello de Arzúa continúa desenvolvendo a programación de Nadal 2022-2023 que trae este venres o inicio do segundo Ciclo de música Nadal Sonoro.
O que se presentaba como novidade no programa de actos do pasado Nadal continúa este ano trala boa acollida que tivo na súa primeira edición. Trátase dun ciclo de música para público adulto que ofrecerá tres concertos na Capela da Madanela ás 21:00.
Este venres, 16 de decembro, actuará o grupo Las Antonias en formato trío. Co seu peculiar estilo destripan cancións moi coñecidas para darlle a súa propia letra sempre en clave de reivindicación feminista. É un grupo conformado por Ana Le, Mamen Bazarra e Elena García-Fresca, todas renomeadas como Antonias. O seu primeiro traballo Boleros e outras delicias fará pasar ao público unha velada inesquecible.
O venres 23 será a quenda para FEMININOPLURAL con Silvia Penide á voz e Carla López á voz e teclado. Ofrecerán un espectáculo dunha hora chea de cancións compostas por mulleres como Guadi Galego, Julieta Venegas, Mari Trini ou Patti Smith.
O ciclo pecharase o venres 30 co concerto de Leticia Rey, gañadora do concurso Estudios Mans para xóvenes talentos galegos. A compositora e intérprete de Vila de Cruces estará acompañada polo pianista Iago Mouriño. Os seus temas mesturan o jazz e o folk nun repertorio con cancións en galego, inglés e castelán.
O acceso a todas as actuacións será libre e gratuíto ata completar a capacidade. O público asistente estará convidado a degustar un chocolate quente.

Consultar toda a programación de Nadal premendo AQUÍ

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email